Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de xaneiro de 2014

    A Consellería de Educación, Cultura e Deporte da Comunidade Valenciana ofrece este ano 7000 prazas en cursos de inglés en liña dirixidos a docentes de ensino non universitario no marco do Programa de Formación en Linguas Estranxeiras, co obxectivo de que estes profesionais poidan mellorar o seu coñecemento nesta lingua e impartir nela as súas clases.

    Fonte: El Mundo

    21 de xaneiro de 2014

    O Diari de l’Educació (Diario da Educación) é un medio de comunicación dixital que nace coa vontade de informar sobre educación en todos os seus niveis, desde as escolas de infantil ata a universidade e a investigación, cun marco de referencia catalán pero cunha perspectiva internacional.

    20 de xaneiro de 2014

    A editorial Porto Editora adaptou os seus dicionarios de lingua portuguesa ao mercado brasileiro e a través do sistema "kindle" permite unha "rápida consulta e utilización durante a lectura", declarou o grupo editorial á axencia Lusa. O Gran Dicionario da Lingua Portuguesa na versión "kindle", xa dispoñible, constitúe "a maior cobertura do vocabulario do portugués do Brasil e do portugués de Portugal, antes e despois do Acordo Ortográfico, e inclúe unha sucinta gramática", informou a mesma fonte.

    20 de xaneiro de 2014

    Cymdeithas, a principal organización en defensa da lingua galesa, decidiu iniciar unha "campaña de desobediencia" co obxectivo de forzar o Goberno galés a actuar a favor do idioma. Segundo Cymdeithas, o executivo de Cardiff non aplicou diversas medidas que a organización propuxera hai medio ano, entre as que se atopa unha ampliación do ensino en galés, reforzar o uso oficial da lingua nos organismos gobernamentais e destinar máis diñeiro ao fomento do idioma.

    Fonte: Nationalia

    20 de xaneiro de 2014

    A iniciativa Train & Talk do Servizo de Deportes é “un programa no que os participantes poderán adestrarse nas súas disciplinas favoritas ao tempo que coñecen xente e melloran as súas competencias orais en diversos idiomas” explica Javier Rial, responsable do devandito servizo.

    Fonte: Universidade de Vigo

    20 de xaneiro de 2014

    A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse á TVG e á produtora Warner Bros para solicitarlles que entre ambas fagan posible que o DVD da serie Batman dos anos sesenta, que chegará ao mercado ao longo de 2014, inclúa tamén a pista de dobraxe en galego.

    Fonte: El Correo Gallego

    20 de xaneiro de 2014

    Os concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo poñen en marcha a terceira edición do Club de Debate. O proxecto, organizado polos seus respectivos servizos de normalización lingüística, ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    20 de xaneiro de 2014

    A deputada do PSdeG, Carmen Gallego, acaba de presentar unha iniciativa no Parlamento que reclama que os medios de comunicación públicos de Galicia empreguen este sistema lingüístico, polo menos, en todos os espazos informativos.

    Fonte: Galicia Confidencial

    20 de xaneiro de 2014

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da cal a Consellería de Cultura e Educación fai posible o ensino da lingua galega no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, fai pública a súa satisfacción polo novo recoñecemento do proxecto educativo Fala Londres, creado polo profesor de galego do centro, Xaime Varela.

    Fonte: Xunta de Galicia

    20 de xaneiro de 2014

    O novo Currículo Vasco empeza a tomar forma. Daralles máis autonomía aos centros, impulsará o plurilingüismo co éuscaro como eixe e as tecnoloxías da información, tratará a dimensión específica da lingua e cultura vascas no contexto mundial, ao tempo que desenvolverá ao máximo a educación por competencias.

    Fonte: Deia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder