Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de xaneiro de 2014

    Un estudo da escola de inglés Wall Street Institute confirmou que os portugueses se encontran entre as dez primeiras nacionalidades con mellor dominio da lingua inglesa nos 30 países onde a escola está presente. O estudo afirma ademais que este dominio fai que os portugueses sexan apreciados cando van traballar a outros países.

    Fonte: Económico

    23 de xaneiro de 2014

    A nosa comunidade de tradutores do sistema operativo Ubuntu conseguiu situar a lingua galega no alto da clasificación internacional do devandito sistema operativo, por detrás do inglés e por diante do castelán e o ucraíno.

    Fonte: Código Cero

    23 de xaneiro de 2014

    Grazas á aplicación Signos, os usuarios da lingua de signos española que acudan ás tendas da operadora poden conectarse cun especialista en lingua de signos a través dunha tablet.

    Fonte: CompromisoRSE

    23 de xaneiro de 2014

    A Generalitat aprobou o decreto polo que se outorga ao Instituto de Estudos Araneses (Institut d’Estudis Aranesi) o carácter de academia e de autoridade lingüística do occitano, denominado aranés no Val de Aran. Con este decreto, convértese na autoridade para o asesoramento en lingua occitana nos organismos do Val de Aran, así como nos centros de ensino públicos e privados e os medios de comunicación de titularidade pública.

    22 de xaneiro de 2014

    Un deputado do Parlamento de Islandia presentou unha resolución para aprobar un plan de acción que garanta o uso da lingua islandesa nas tecnoloxías da información e na era dixital.

    Fonte: Iceland Review

    22 de xaneiro de 2014

    Un informe publicado polo Consello de Europa critica duramente a deficiente promoción da lingua irlandesa por parte do Goberno de Irlanda do Norte. O informe declara que se deben adoptar máis medidas para promover o irlandés no ámbito público, incluíndo os tribunais e a Asemblea de Irlanda do Norte.

    Fonte: BBC

    22 de xaneiro de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, deu a coñecer a obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que na súa décimo terceira edición recaeu na obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de xaneiro de 2014

    O Servizo Municipal de Éuscaro publica unha convocatoria de bolsas que se rexerá por fomentar a aprendizaxe e o uso do éuscaro entre a poboación de Orkoien mediante a concesión de bolsas para estudar aqueles cursos de éuscaro que se impartan entre o 1 de xullo de 2013 e o 30 de xuño de 2014, tanto en réxime extensivo (presencial e a distancia ou de autoaprendizaxe), como intensivo (mesmo internados).

    Fonte: Pamplona actual

    21 de xaneiro de 2014

    A terceira edición dos Xogos da Lusofonía, que teñen lugar no estado indio de Goa, comezou con moitas deficiencias, o que levou a Artur Moreira Lopes, xefe da misión portuguesa, a facer críticas. A máis grave pasa polo feito de que a organización india decidiu adoptar como lingua oficial o inglés e o portugués aparece só de cando en vez nos comunicados oficiais.

    Fonte: O Jogo

    21 de xaneiro de 2014

    A dirección da emisora de noticias alemá Deutsche Welle decidiu pechar as emisións en portugués para África. Os cambios terán efecto a partir de xaneiro de 2015. Outras linguas como o francés para África terán tamén servizos reducidos.

    Fonte: DW

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder