Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de decembro de 2013

    O Ministerio de Cultura do Perú, a través da Dirección de Cultura do Departamento de Cuzco, presentou os contidos da Lei de linguas indíxenas a preto de 200 profesores que asistiron ao Primeiro Encontro Rexional de Mestres Bilingües.

    Fonte: Andina

    30 de decembro de 2013

    A Sociedade Filolóxica Friulana demándalle á rexión de Friuli-Venecia Giulia que desenvolva todas as iniciativas necesarias para favorecer o ensino das linguas minorizadas nas escolas. En particular, demandan a realización dos cursos de formación en friulano para docentes.

    Fonte: Messaggero Veneto

    30 de decembro de 2013

    O Consello da Cultura Galega presentou o balance do ano Rosalía de Castro, que foi definido como moi "frutífero" e "positivo", e que permitiu comprobar a vixencia da figura de Rosalía de Castro no presente dentro da cultura de Galicia e a súa proxección internacional, segundo sinalou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    30 de decembro de 2013

    O Tribunal Superior de Xustiza de Baleares ditou que a libre elección de lingua vehicular no ensino só é posible ao realizar a primeira matrícula en educación infantil ou o primeiro ciclo de primaria, cando o alumno non estivese matriculado antes.

    Fonte: Diario de Ibiza

    30 de decembro de 2013

    O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana anulou a posibilidade de que os alumnos escollan se queren realizar as probas de avaliación das distintas materias en castelán ou en valenciano, independentemente da lingua na que se imparta a materia.

    Fonte: Las Provincias

    29 de decembro de 2013

    A asociación cultural da Bretaña, Kevre Breizh, mostrou a súa vontade de participar na posta en práctica do Pacto sobre o Futuro da Bretaña, aprobado recentemente polo Goberno francés, e reclama a creación dunha canle de televisión en lingua bretoa.

    Fonte: Maville

    29 de decembro de 2013

    A segunda edición deste ano do exame para a obtención do Certificado de Proficiencia en Lingua Portuguesa para Estranxeiros (Celpe-Bras), do Ministerio de Educación do Brasil, aprobou 3582 candidatos, o que corresponde ao 86,2 % dos 4154 inscritos. O certificado está aceptado internacionalmente en empresas e institucións de ensino.

    Fonte: Correio do Estado

    27 de decembro de 2013

    O Instituto Portugués no Oriente (IPOR) celebra 25 anos en 2014 apostando polo fomento e o uso da lingua portuguesa nas institucións públicas e privadas de Macau, declarou á axencia Lusa o seu director, João Laurentino Neves.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    27 de decembro de 2013

    O organismo cultural "Impératif français" anima os cidadáns quebequeses a frecuentaren establecementos comerciais cuxa lingua de traballo sexa exclusivamente o francés.

    Fonte: La Presse

    27 de decembro de 2013

    A Universidade de Alacant puxo en marcha o Curso para a Capacitación para o Ensino en valenciano, inglés e francés, que habilita para impartir docencia nas tres linguas curriculares nas que se pode obter a capacitación. Esta universidade é a primeira na Comunidade Valenciana que ofrece a formación para obter a capacitación en inglés e en francés.

    Fonte: El País

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder