Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de setembro de 2013

    O Concello de Durango deu a coñecer os pormenores da nova campaña ‘Guk euskaraz’ que, ademais de incrementar a paisaxe lingüística do comercio e a hostalería, busca «axudar aos empregados do sector a traballar en éuscaro tanto oral coma escrito».

    Fonte: El Correo

    19 de setembro de 2013

    A mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para homenaxear a figura de Balbino, unha das máis emblemáticas da literatura galega contemporánea, vén de retomar a súa itinerancia polas localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

    Fonte: Xunta de Galicia

    19 de setembro de 2013

    A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta, na súa renovada páxina web, o proxecto Lingua Viva, unha proposta de normalización lingüística interdisciplinar que implica a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente).

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    19 de setembro de 2013

    A través deste documento pídeselles á Unión Europea e aos Estados membros que presten maior atención á situación das linguas en perigo de desaparición e se comprometan coa preservación da diversidade lingüística implementando políticas de revitalización dos idiomas ameazados.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    19 de setembro de 2013

    A Real Academia Galega presentou o segundo tomo da obra Estudos da toponimia galega, resultado dun traballo de recompilación dos artigos escritos por Nicandro Ares, “un dos grandes especialistas” nesta ciencia lingüística, en palabras do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.

    Fonte: El Ideal Gallego

    19 de setembro de 2013

    O Real Padroado sobre Discapacidade, a través do Centro de Normalización da Lingua de Signos Española (CNSE), creou unha comisión de traballo cuxa finalidade é revisar o perfil do especialista en lingua de signos española, coa participación de diferentes axentes implicados no recoñecemento e a formación académica deste profesional.

    Fonte: Europa Press

    19 de setembro de 2013

    O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. O foco do debate é a importancia que ten a lingua propia nas comunidades autónomos, como é Cataluña e a validez constitucional, por iso da esixencia do coñecemento desa lingua propia para acceder a postos na función pública cando resulte conveniente.

    19 de setembro de 2013

    As aventuras de Tintín foron lidas en máis de 70 linguas desde 1930, mais nunca antes foran traducidas ao escocés (ou Scots) e ao gaélico escocés. Os editores prevén que estas novas edicións suscitarán o interese de centros escolares e coleccionistas.

    Fonte: The Scotsman

    19 de setembro de 2013

    A falta de tradutores de lingua irlandesa en Bruxelas é a razón principal de que o sitio web do Parlamento Europeo non estea traducido a esta lingua. Un grupo de falantes presentou unha queixa denunciando esta situación ao Valedor do Pobo da Unión Europea.

    Fonte: Independent

    18 de setembro de 2013

    Ao ver que na páxina de La Vuelta a España 2013 se mostraba o Libro de Ruta e as etapas que pasaban por Asturias non tiñan a toponimia oficial ben posta, Iniciativa polo Asturiano enviou unha carta á empresa organizadora explicando os erros no uso da toponimia asturiana na súa páxina e pedíndolles o cumprimento nos usos da toponimia oficial. A organización non só non respondeu a esta reclamación, senón que os topónimos continuaron aparecendo de forma incorrecta.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder