Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de outubro de 2013

    A Fundación Calouste Gulbenkian presentará, con motivo da Conferencia Internacional sobre o Libro e a Lectura Dixital, a obra máis agardada: a Gramática do Português. Destinada a todos os públicos, esta nova gramática describe o portugués europeo culto contemporáneo, sen deixar de incluír información sobre os chamados rexionalismos e sobre o portugués do Brasil, Angola e Mozambique.

    Fonte: Fundação Calouste Gulbenkian

    21 de outubro de 2013

    Especialistas do foro “Radio e linguas minoritarias”, que tivo lugar na oficina do Parlamento Europeo de Bruxelas, afirman que a radio pode ser clave para a salvagarda das linguas minoritarias de Europa e América. Unha recente resolución do Parlamento Europeo apoia estacións de radio que emiten sen ánimo de lucro para a promoción da diversidade cultural. Pola súa parte, no continente americano, os instrumentos da lexislación internacional sobre os dereitos humanos serviron para a defensa de emisións en lingua indíxena.

    21 de outubro de 2013

    A Concellería de Cultura e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carral están a desenvolver a campaña "En galego entendémonos", unha iniciativa de sensibilización e promoción do uso do galego dirixida ao conxunto da poboación.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    21 de outubro de 2013

    A cultura galega estivo representada, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nun encontro internacional sobre linguas minoritarias que se celebrou en Minde, Portugal.

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de outubro de 2013

    Entre as moitas conclusións que ofrece a análise do sector educativo en Soraluze, destaca o descenso no uso do éuscaro, tanto no que a coñecemento como ao seu uso respecta. Por un lado, o número de falantes de éuscaro descendeu, do 60,5 % ao 56,8 % nos últimos dez anos; e, por outro, descende tamén o uso, sobre todo nos grupos de idade máis novos.

    Fonte: Diario Vasco

    21 de outubro de 2013

    Miles de persoas “latexaron” polo éuscaro no Nafarroa Oinez. Cos termómetros a máis de 20 graos en Tudela, os organizadores da festa das ikastolas navarras formaron parte dunha celebración que esperaba congregar unhas 100 000 persoas.

    Fonte: Diario de Navarra

    19 de outubro de 2013

    Un xeógrafo da Escola Universitaria de Londres (University College London) publicou uns mapas que mostran a diversidade lingüística de Inglaterra e Gales.

    Fonte: The Guardian

    19 de outubro de 2013

    Rusia poderá abrir no futuro escolas ruso-ucraínas, afirmou o ministro de Educación e Ciencia, Dmitry Livanov, e engadiu que xa existen algunhas escolas que imparten ucraíno en varias rexións de Rusia.

    Fonte: ForUm

    19 de outubro de 2013

    A Organización das Nacións Unidas (ONU) presentou o concurso “Moitas linguas, un mundo”, pensado para xente nova universitaria que fale máis dun idioma. Os participantes deberán escribir un ensaio nunha das seis linguas oficiais da organización.

    Fonte: Agência de Notícias Brasil-Árabe

    19 de outubro de 2013

    O ministro de Formación Profesional e Emprego de Tunisia, Naoufel Jammali, defende a importancia de reforzar o ensino das linguas como ferramenta para a inserción laboral.

    Fonte: Webmanagercenter

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder