Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de xuño de 2013

    Máis de 12 000 apoios cidadáns. Máis de 110 entidades adheridas. Máis de sete anos de traballo. O alento sostido das principais entidades e institucións galegas. O apoio decidido da Administración autonómica ao longo do tempo. Todo isto foi necesario para que a ICANN, organismo que goberna a rede, aprobase o dominio para a lingua e a cultura galegas, o .gal.

    Fonte: Asociación PuntoGal

    18 de xuño de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios para o curso escolar 2012-2013.

    Fonte: Xunta de Galicia

    18 de xuño de 2013

    Despois dun ano en fase de avaliación, a organización ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers – Corporación de Internet para Nomes e Números Asignados) aprobou o dominio .eus para a comunidade da lingua e a cultura vascas.

    Fonte: EITB

    18 de xuño de 2013

    O éuscaro é a lingua minoritaria que conta con máis usuarios e tweets na rede social Twitter, segundo un estudo realizado polo profesor Kevin Patrick Scanell da Universidade San Luis de Missouri.

    Fonte: Euskara

    17 de xuño de 2013

    O catalán, así como as outras linguas "rexionais" francesas, poderá ensinarse nas escolas xunto coa lingua francesa. Este é o resultado da aprobación do proxecto da lei de reforma do ensino que supón o recoñecemento no sistema educativo das linguas que a constitución francesa considera "patrimonio de Francia".

    17 de xuño de 2013

    Alcaldes, concelleiros e conselleiros de Chunta Aragonesista de sete comarcas nas que se usa o aragonés, xunto con cargos da formación, celebraron un encontro en Aínsa, onde anunciaron mobilizacións desde municipios e comarcas e asinaron unha declaración na que se recolle a insubmisión destes dirixentes á Lei de linguas.

    Fonte: Aragón Digital

    17 de xuño de 2013

    A Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia solicitoulle ao Goberno de Francia “medidas concretas e efectivas de apoio e impulso ao éuscaro”, entre elas que se declare este idioma como lingua oficial. A misiva enviouse agora con motivo da creación en Francia dunha comisión consultiva para o fomento das linguas minorizadas.

    Fonte: Diario Vasco

    17 de xuño de 2013

    A Mesa pola Normalización Lingüística O Carballiño / Ribeiro presentou un escrito no Rexistro do Concello do Carballiño no que pide substituír os sinais e carteis colocados recentemente no contorno da Veracruz por outros redactados en lingua galega.

    Fonte: Faro de Vigo

    17 de xuño de 2013

    O presidente do Comité Olímpico de Portugal, José Manuel Constantino, confirmou a súa vontade de converter a lingua portuguesa en idioma de traballo do Comité Olímpico Internacional (COI), desexo que conta co apoio do Brasil.

    Fonte: Sapo

    15 de xuño de 2013

    Para aprender unha lingua difícil cómpre investir moito tempo, mais isto non debe desanimar os estudantes candidatos, declara o Instituto de Servizos Estranxeiros dos EUA. Segundo unha lista recentemente publicada por este organismo, o finés atópase entre as linguas máis difíciles de aprender para os anglófonos.

    Fonte: Uutiset

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder