Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de maio de 2013

    A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Xunta de Galicia colaborarán para promover o emprego da lingua galega nas festas populares, coa recomendación de incorporar, por exemplo, un 20 por cento ao repertorio das orquestras.

    Fonte: Europa Press

    27 de maio de 2013

    Máis do 75 % dos alumnos do terceiro ciclo de educación primaria das escolas públicas catalás teñen o castelán e o catalán como lingua materna, como o fixeron constar as familias nas solicitudes de matriculación.

    Fonte: Europa Press

    27 de maio de 2013

    O Consello Comarcal do Bages puxo en marcha unha iniciativa para facer chegar contos en lingua de signos de diferentes escolas da comarca.

    Fonte: La Vanguardia

    26 de maio de 2013

    O francés será a lingua de traballo do futuro Goberno rexional de Baie-James (Quebec). Porén, este terá a obriga de traducir os documentos á lingua cree e mais ao inglés, tal como estipula o novo proxecto de lei aprobado recentemente.

    Fonte: La Presse

    26 de maio de 2013

    En colaboración co Ministerio angolano de Educación, o Goberno francés continuará a dar o seu apoio á expansión e desenvolvemento da lingua francesa en Angola por medio de programas nas escolas, sesións de formación para o profesorado e realización de concursos.

    Fonte: Portal Angop

    25 de maio de 2013

    Algúns membros ministeriais do País de Gales anunciaron un novo conxunto de normas que imporán obrigas de promoción da lingua galesa ao propio goberno, concellos e parques nacionais. O partido nacionalista Plaid Cymru expresou a súa decepción de que estas medidas non impliquen un maior número de organizacións.

    Fonte: BBC

    25 de maio de 2013

    O Goberno da India concedeu o status de lingua clásica ao malabar, cumprindo así unha das solicitudes pendentes do estado de Kerala. Con esta medida, o malabar entra a formar parte dun exclusivo grupo que inclúe o sánscrito, o támil, o telugú e o canarés.

    Fonte: The Indian Express

    24 de maio de 2013

    Coincidindo coa semana das Letras Galegas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou o informe A crise dos medios en galego, no que se reflexiona sobre as eivas e fortalezas dos distintos proxectos comunicativos en galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    24 de maio de 2013

    Entre as novidades desta edición dos Premios da Música Independente destaca a creación de tres novas categorías relacionadas cos tres idiomas cooficiais (de mellor produción en éuscaro, mellor álbum en lingua galega e mellor álbum cantado en catalán).

    Fonte: Culturagalega.org

    23 de maio de 2013

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño organizado por FEREGA-CECA na compostelá Praza da Quintana.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder