Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de marzo de 2013

    Portugal e Francia asinarán ata finais de ano un novo acordo de cooperación lingüística que reafirmará o compromiso dos dous países para promover reciprocamente o ensino do portugués e do francés. Ademais, o novo acordo introduce cambios en ámbitos como a avaliación, a certificación ou a contratación de profesores.

    Fonte: Notícias ao minuto

    25 de marzo de 2013

    A oficina de información do Parlamento Europeo en España organiza un concurso para escolares, Euroscola, que ten como obxectivo "fomentar a aprendizaxe de linguas europeas, fundamental para conseguir unha Europa unida". O xogo desenvolverase en tres versións lingüísticas, castelán, catalán e inglés, polo que quedan excluídos galego e éuscaro.

    Fonte: Praza Pública

    25 de marzo de 2013

    A Asociación do Xogo Popular e Tradicional vén de recibir unha mención especial pola promoción do galego na gala dos Premios anuais do Deporte Galego.

    Fonte: La Voz de Galicia

    25 de marzo de 2013

    O Servizo de Éuscaro do Concello de Galdakao impartirá sesións sobre lingua vasca aos alumnos de ensino secundario e bacharelato. Pode parecer que xa teñen materias para isto e que xa dominan perfectamente o idioma, pero, lonxe das formalidades, as clases terán un contido máis aplicable á vida real que o idioma normativo.

    Fonte: El Correo

    25 de marzo de 2013

    A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) reclamoulle ao Goberno realizar unha proba piloto para aplicar o servizo de videointerpretación SVIsual ao servizo telefónico de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero (016), xa que o teléfono existente para persoas xordas non é totalmente accesible para este colectivo.

    Fonte: Diario Siglo XXI

    23 de marzo de 2013

    A Asociación de Educación Bilingüe en California (CABE) estima que no estado hai 1,3 millóns de nenos e nenas en proceso de aprender inglés. "É incriblemente importante o labor dun mestre bilingüe para que o estudante poida comunicarse na escola. Os rapaces aprenden o inglés a través do seu propio idioma e terán maior éxito académico se tiveren un mestre bilingüe", dixo Jan Corea, presidenta da CABE.

    Fonte: La Opinión

    22 de marzo de 2013

    O uso da lingua rusa por parte dun representante do partido gobernante foi a causa dunha liorta entre un grupo de deputados do Parlamento ucraíno.

    Fonte: The Inquisitr

    22 de marzo de 2013

    A campaña de sensibilización “En alguerés, té més gust” ("En alguerés, presta máis"), un proxecto conxunto do Espai Llull da Generalitat de Cataluña en Alguer e o Concello desta localidade italiana, ten como obxectivo prioritario promover o uso social do catalán de Alguer.

    22 de marzo de 2013

    A voceira do PNV na Comisión de Educación do Senado, Ruth Martínez, pediulle ao Goberno central que impulse o ensino das linguas autonómicas cooficiais (éuscaro, catalán, valenciano e galego) “como materias optativas en todos os sistemas educativos do Estado”.

    Fonte: La Información

    22 de marzo de 2013

    A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados da oitava edición destes premios, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano 2012.

    Fonte: Prolingua

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder