Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de abril de 2013

    François Alfonsi, o único falante de corso no Parlamento Europeo, presentará un informe sobre o estado das linguas ameazadas de Europa. "Existen centos de linguas na Unión Europea e todas e cada unha delas forman parte da identidade europea", declarou François Alfonsi á Comisión de Cultura do Parlamento Europeo e engadiu: "Sen apoio a nivel europeo, nacional e local, seremos testemuñas, durante as vindeiras décadas, dunha perda da diversidade lingüística. Isto empobreceranos cultural, social e economicamente".

    06 de abril de 2013

    Conradh na Gaeilge (A Liga Gaélica) fixo un chamamento aos gobernos de Irlanda do Norte e da República de Irlanda para que aproben unha estratexia de promoción do gaélico que teña en conta a totalidade do territorio de Irlanda.

    Fonte: BBC

    06 de abril de 2013

    O presidente de Honduras, Porfirio Lobo Sosa, estivo presente no municipio hondureño de Villanueva, departamento de Cortés, para presentar a segunda etapa do programa de educación bilingüe en escolas públicas deste municipio.

    Fonte: La Prensa

    05 de abril de 2013

    Os universitarios cataláns deberán demostrar un nivel suficiente de coñecementos dunha terceira lingua ao finalizar os seus estudos a partir do próximo curso 2013-2014.

    Fonte: La Vanguardia

    05 de abril de 2013

    Unha entidade pública de aforros británica, National Savings and Investments (NS&I), suprimirá os seus servizos de atención en galés porque custan arredor de 900 libras por cliente falante desta lingua. A entidade declarou que só 107 clientes solicitaron o servizo de atención en galés e que, por tanto, non se trataba dun "uso eficiente dos fondos públicos".

    Fonte: BBC

    05 de abril de 2013

    A Universidade de Pretoria, na República de Suráfrica, contará cun lectorado de portugués a partir do próximo ano. Esta é a terceira institución de ensino superior que adopta a lingua portuguesa naquel país.

    Fonte: Boas Notícias

    04 de abril de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu secretario xeral de política lingüística, Valentín García, presentou en Carral o espectáculo musical infantil “A nena e o grilo nun barquiño”, unha das actividades que conformarán a segunda edición do programa de dinamización lingüística “FalaRedes” e que chegará a entidades locais integradas na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

    04 de abril de 2013

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o curso preparatorio das probas do Celga 3 que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Concello compostelán.

    Fonte: Xunta de Galicia

    04 de abril de 2013

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza a cuarta edición deste concurso de monólogos que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito do lecer a través das novas tecnoloxías.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    04 de abril de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou en Melide a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder