Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de marzo de 2013

    A Mesa pola Normalización Lingüística acusa a Génesis Seguros de discriminar o galego e incumprir a lexislación que garante os dereitos lingüísticos dos tomadores de seguros.

    Fonte: Crónica3

    26 de marzo de 2013

    A empresa Aadimatiq creou o sistema de corrección en liña dirixido principalmente ás redes sociais e aos blogs, que permite corrixir textos en catalán con calidade profesional en poucos minutos. O proxecto, que ten a comodidade dos sistemas automáticos e a garantía do traballo directo de profesionais, obtivo o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura.

    26 de marzo de 2013

    O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika, anunciou que o executivo autónomo recuperou no seu Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma Vasca para 2013 a convocatoria de axudas individuais para a euscaldunización adultos, eliminada polo Goberno anterior, e que a dotou de 700 000 euros.

    Fonte: Deia

    25 de marzo de 2013

    A ratificación e adopción do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa ten ensombrecido nos últimos anos o panorama lusófono. Non parece claro que exista unha vontade xeral para aceptar as novas regras, a pesar de que os oito países lusófonos acordaran en 2010 o fundamento do Acordo para toda a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.

    Fonte: Lusomonitor

    25 de marzo de 2013

    Portugal e Francia asinarán ata finais de ano un novo acordo de cooperación lingüística que reafirmará o compromiso dos dous países para promover reciprocamente o ensino do portugués e do francés. Ademais, o novo acordo introduce cambios en ámbitos como a avaliación, a certificación ou a contratación de profesores.

    Fonte: Notícias ao minuto

    25 de marzo de 2013

    A oficina de información do Parlamento Europeo en España organiza un concurso para escolares, Euroscola, que ten como obxectivo "fomentar a aprendizaxe de linguas europeas, fundamental para conseguir unha Europa unida". O xogo desenvolverase en tres versións lingüísticas, castelán, catalán e inglés, polo que quedan excluídos galego e éuscaro.

    Fonte: Praza Pública

    25 de marzo de 2013

    A Asociación do Xogo Popular e Tradicional vén de recibir unha mención especial pola promoción do galego na gala dos Premios anuais do Deporte Galego.

    Fonte: La Voz de Galicia

    25 de marzo de 2013

    O Servizo de Éuscaro do Concello de Galdakao impartirá sesións sobre lingua vasca aos alumnos de ensino secundario e bacharelato. Pode parecer que xa teñen materias para isto e que xa dominan perfectamente o idioma, pero, lonxe das formalidades, as clases terán un contido máis aplicable á vida real que o idioma normativo.

    Fonte: El Correo

    25 de marzo de 2013

    A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) reclamoulle ao Goberno realizar unha proba piloto para aplicar o servizo de videointerpretación SVIsual ao servizo telefónico de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero (016), xa que o teléfono existente para persoas xordas non é totalmente accesible para este colectivo.

    Fonte: Diario Siglo XXI

    23 de marzo de 2013

    A Asociación de Educación Bilingüe en California (CABE) estima que no estado hai 1,3 millóns de nenos e nenas en proceso de aprender inglés. "É incriblemente importante o labor dun mestre bilingüe para que o estudante poida comunicarse na escola. Os rapaces aprenden o inglés a través do seu propio idioma e terán maior éxito académico se tiveren un mestre bilingüe", dixo Jan Corea, presidenta da CABE.

    Fonte: La Opinión

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder