Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de novembro de 2012

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de constatar a legalidade, no seu conxunto, do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no fallo que acaba de facerse público respecto do recurso presentado pola Real Academia Galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    30 de novembro de 2012

    A Mesa pola Normalización Lingüística recoñece co premio Abertos ao Galego a principal rede social para a mocidade en España, Tuenti, por incorporar o galego como unha opción que escollen cada día milleiros de mozos para comunicarse.

    Fonte: Código Cero

    29 de novembro de 2012

    O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo leva dende setembro escribindo o blog Toponimia de Vigo, mantido polo propio SNL e as persoas que están recollendo a microtoponimia da zona.

    Fonte: Asociación Galega de Onomástica

    29 de novembro de 2012

    “Avancem amb el català. 30 anys treballant per la llengua” (Avancemos co catalán, 30 anos traballando pola lingua) é o título da exposición conmemorativa dos 30 anos de campañas de promoción do uso do catalán que se poderá visitar no Palau Robert entre o 29 de novembro de 2012 e o 8 de xaneiro de 2013.

    29 de novembro de 2012

    O número de mozos que estudan linguas europeas en bacharelato no Reino Unido está en declive, como amosa o feito de que as solicitudes para estudar francés descenderon un terzo desde o ano 2000, mentres que os alumnos de alemán se reduciron á metade en só unha década. Porén, os estudantes seguen a ter interese polas linguas, algo ao que as universidades se están habituando.

    Fonte: The Guardian

    29 de novembro de 2012

    Segundo un informe, Irlanda do Norte amosa unha imaxe débil con respecto á aprendizaxe de linguas estranxeiras e necesita darlle a esta cuestión máis importancia. O estudo, elaborado polo British Council, avisa de que Irlanda do Norte “dista de ser autosuficiente na produción de lingüistas naquelas linguas que poidan ser necesarias” no mundo dos negocios.

    Fonte: BBC

    29 de novembro de 2012

    O Goberno vasco puxo en marcha a campaña ‘Klik euskaraz’ para dar a coñecer as ferramentas en éuscaro das que dispón o propio executivo e outras institucións. A Viceconsellería de Política Lingüística recolle na páxina www.euskara.euskadi.net todas as ferramentas para traballar en éuscaro.

    Fonte: Europa Press

    28 de novembro de 2012

    A defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística, e inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade e en espazos específicos de investigación. Estas son as ideas centrais da campaña "En galego tamén se fai ciencia", unha iniciativa promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística que naceu no 2010 e da que se presentou unha segunda fase na que se amplían os campos de participación.

    28 de novembro de 2012

    O presidente da agrupación de Escolas de Miranda de Douro asegurou que nunca houbo tantos alumnos matriculados na disciplina de lingua e cultura mirandesas como este ano.

    Fonte: Jornal de Notícias

    28 de novembro de 2012

    O Consello de Europa sinala que o leonés conforma unha unidade co asturiano e co mirandés, e que, aínda que esta lingua está recoñecida no Estatuto de Castela e León de 2007, as autoridades autonómicas non adoptaron ata agora a regulación oportuna para a súa protección e promoción, nin desenvolveron medidas prácticas relevantes para protexer esta lingua.

    Fonte: Leonoticias

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder