Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de novembro de 2012

    A Fundación Curros Enríquez publicou un caderno con poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luis Méndez Ferrín onde se combina o gravado coa lingua de signos, o braille e a poesía.

    Fonte: Faro de Vigo

    13 de novembro de 2012

    Nos últimos días o enxeñeiro de Microsoft Research, Rick Rashid, amosou en China unha nova tecnoloxía de que están a desenvolver e que permitiría a tradución de linguaxe natural en poucos segundos, destacando por ser unha solución voz-a-voz que non se limitaría a recoñecer ordes como a meirande parte dos sistemas actuais, senón que actuaría como un intérprete.

    Fonte: Código Cero

    13 de novembro de 2012

    A Comisión de Educación, Cultura e Deporte de Brasil debate aprobar un proxecto de lei que establece a fluidez oral como un dos obxectivos do ensino de linguas estranxeiras na educación básica.

    Fonte: Sonda Brasil

    13 de novembro de 2012

    O Pleno do Parlamento de Navarra rexeitou a proposición de lei de modificación da Lei foral do éuscaro para regular a presenza desta lingua na prensa.

    Fonte: Diario de Navarra

    12 de novembro de 2012

    O volume Tradución e interpretación nos servizos públicos asistenciais de Galicia constitúe o primeiro estudo empírico que se fai nesta comunidade sobre a tradución e a interpretación nos diferentes ámbitos dos servizos públicos e asistenciais galegos.

    Fonte: Universidade de Vigo

    12 de novembro de 2012

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a poñer en marcha os diferentes formatos de actividades que inclúe a nova edición do programa de dinamización lingüística dos Axóuxeres, destinado a dinamizar a lingua galega e a súa transmisión interxeracional nas familias con fillos de entre cero e seis anos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de novembro de 2012

    Arredor dun quinto da poboación croata non fala unha lingua estranxeira. Dos cidadáns que aseguraron falar polo menos unha, o 81 % indicou que falaba inglés, o 49 % alemán, o 24 % italiano, o 12 % español e o 9 % ruso.

    Fonte: Dalje

    12 de novembro de 2012

    O tagalo é na actualidade a lingua que máis rapidamente crece en Canadá, segundo o primeiro ministro do país, Stephen Harper, que tamén asegurou que as comunidades filipinas son as que máis medran en Canadá, incluso nas áreas máis afastadas e remotas.

    Fonte: Phil Star

    12 de novembro de 2012

    O papa Bieito XVI creou a Academia Pontificia de Latinidade, que estará dedicada a promover a lingua e a cultura latinas e o seu correcto uso no ámbito eclesiástico.

    Fonte: La Razón

    12 de novembro de 2012

    O número de alumnos matriculados en lingua chinesa na comunidade autónoma andaluza incrementouse entre un 15 e un 20 por cento respecto ao curso pasado no que, por primeira vez, se ofertou esta materia en horario extraescolar, nun total de 10 centros públicos de primaria e secundaria.

    Fonte: Ideal

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder