Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de xullo de 2012

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Universidade da Coruña colaboran na organización do V Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en cuxa inauguración participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que se celebrará entre os días 2 e 7 de xullo na capital herculina.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de xullo de 2012

    O Instituto King Sejong de Paquistán establecerase na Universidade Nacional de Linguas Modernas para impartir coreano no seu campus principal. O instituto será particularmente útil para que os traballadores consigan emprego en Corea, ademais de introducir novos coñecementos e oportunidade para os estudantes paquistanís.

    Fonte: Tribune

    03 de xullo de 2012

    Os estudantes de institutos públicos de Filipinas xa poden aprender mandarín como parte do programa especial en lingua estranxeira do departamento educativo. Ademais do mandarín, os estudantes de institutos públicos poden elixir xaponés, francés, alemán ou español.

    Fonte: Channelnewasia

    03 de xullo de 2012

    Google puxo en marcha o proxecto de linguas en perigo de extinción e dentro do estado español inclúe tres linguas: o aragonés, o asturiano e a lingua de signos catalá. Google sinala a primeira destas como a que se atopa nunha situación máis vulnerable.

    Fonte: Asturnews

    02 de xullo de 2012

    O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, entregou os premios da VIII Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, convocados o pasado mes de marzo pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas en colaboración coa Xunta de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    02 de xullo de 2012

    O novo líder de Hong Kong, Leung Chun-ying, creou polémica tan só minutos despois de xurar o cargo ao dar o seu discurso inaugural en mandarín en lugar de no dialecto local, o cantonés, falado pola maioría da poboación da cidade.

    Fonte: China Real Time Report

    02 de xullo de 2012

    Formar profesionais que dominen idiomas estranxeiros para atender turistas, empresarios, xornalistas, deportistas e representantes de delegacións internacionais durante o Mundial de Fútbol de 2014 e as Olimpíadas de 2016 é un desafío. Non hai datos oficiais dispoñibles que confirmen o déficit de persoas que falan inglés en Brasil, pero os estranxeiros que viven no país confirman que teñen certa dificultade para comunicarse.

    Fonte: CenárioMT

    02 de xullo de 2012

    A Consellería de Cultura e Educación enche o tempo de lecer con “FalaRedes” nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da man da actividade "Galego de cine".

    Fonte: Xunta de Galicia

    02 de xullo de 2012

    Unha nova aplicación para móbiles intelixentes, desenvolvida pola Fundación Elhuyar, permitirá aprender o “vocabulario básico” do éuscaro e poderase empregar a partir do castelán, o inglés e o francés.

    Fonte: Noticias de Navarra

    02 de xullo de 2012

    O pleno do Concello de Zaragoza aprobou unha moción pola que piden ao Goberno de Aragón o cumprimento de todas as previsións contidas na Lei de linguas de 2009 e rexeita calquera modificación legal que supoña un recorte dos dereitos lingüísticos dos aragoneses no uso do aragonés e o catalán.

    Fonte: El Correo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder