O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou a Feira de Mostras da Coruña, acompañado por diversos representantes da xunta directiva da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), entre eles o seu presidente, Francisco Pérez. Durante o seu percorrido polo recinto, o secretario xeral expresou a necesidade de impulsar a presenza do galego nun sector social prioritario como o económico e transmitiu que, “para acadar este obxectivo, o compromiso dos autónomos é esencial”.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela organiza un ciclo de conferencias para difundir o patrimonio musical de Galicia e, en consecuencia, o seu principal vehículo de creación e transmisión: a lingua galega.
Fonte: Xunta de Galicia
É un dos seis idiomas oficiais da ONU e, tras o inglés e o chinés mandarín, unha das linguas máis faladas do mundo. O español fálase en todos os continentes do planeta e está especialmente en auxe nos Estados Unidos e en Asia. Converteuse, tras o inglés e o francés, na 3ª lingua europea. En termos económicos chega a representar o 16 % do PIB español.
Fonte: Euroxpress
O programa de ensino do galego na comarca do Bierzo acaba de cumprir dez anos e coincidindo con esta efeméride, desde o colectivo promotor da cultura galega na zona, Fala Ceibe, fixeron un balance que cualifican coma positivo.
Fonte: Diario de León
O idioma aragonés está presente en Twitter, aínda que reducido a unha mínima expresión. Polo menos así o amosa un documento realizado por un programador especialista en mapas, Erik Fisher. Estes datos contrastan coa saúde do aragonés en plataformas como Wikipedia.
Fonte: Heraldo
A Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) nunca outorgara o seu premio nacional a unha tradución nunha lingua que non fose o español, unha liña que agora vén de quebrarse coa concesión do galardón á versión galega do clásico da literatura medieval inglesa Beowulf, realizada polo profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e especialista en literatura medieval Jorge Luís Bueno.
Fonte: Duvi
A Rede de Dinamización Lingüística dá novos pasos para avanzar na extensión social do galego desde o ámbito local. Con este fin, pon en marcha un seminario de formación específica en dinamización do galego dirixido á representación técnica das entidades adheridas á Rede.
Fonte: Xunta de Galicia
A IV Feira das Industrias Creativas abriu as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de representantes de todas as asociacións sectoriais que integran o Culturgal, así como dos representantes políticos que apoian a feira.
Fonte: Xunta de Galicia
Un grupo de activistas das linguas das illas do Pacífico espera facer presión sobre o Goberno de Nova Zelandia para que aprobe un proxecto de lei para o ensino das linguas rexionais nas escolas. O catedrático Dov Spolsky, da Universidade de Waikato, impartiu unha conferencia a mestres e profesores sobre a necesidade da educación bilingüe se se quere que as linguas máis pequenas sobrevivan nun contexto de fala inglesa.
Fonte: Radio Australia
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Centro Nacional para a Promoción do Emprego para as Persoas con Discapacidade e a Asociación Nacional de Persoas Xordas reivindicaron o status de oficialidade para a lingua de signos e a formación das persoas para exercer como intérpretes de lingua de signos en lugares públicos.
Fonte: The Hindu
Boletín
Subscríbase ao boletín
