Un centenar de representantes das academias da lingua española de 22 países iniciaron en Panamá os seus traballos para analizar a situación do español no mundo e coordinar proxectos de colaboración para os próximos anos.
Fonte: El Universal
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Un centenar de representantes das academias da lingua española de 22 países iniciaron en Panamá os seus traballos para analizar a situación do español no mundo e coordinar proxectos de colaboración para os próximos anos.
Fonte: El Universal
Na remota Provincia Occidental de Zambia, un grupo de lingüistas afeccionados, na súa maior parte antigos agricultores, creou un sistema de escritura para a súa lingua materna, o shanjo, co fin de que todas as persoas da comunidade poidan aprendela. O grupo tamén está a traballar na tradución da Biblia cara a esta lingua.
Fonte: BBC News
“Os servizos lingüísticos locais levan a cabo un labor fundamental no fomento do uso e do prestixio do galego, tanto no ámbito interno dos concellos como no seu contorno social”. Así o afirmou o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que destacou a intención do seu departamento de “continuar apoiando o seu mantemento e as actividades que realizan”.
Fonte: Xunta de Galicia
A campaña de dinamización lingüística Xantar Compostela pon en marcha novas accións para promover o uso do galego desde a hostalería. Con este fin, a iniciativa difundirá 150 000 manteis con xogos e palabras en galego entre establecementos do sector de Santiago de Compostela e comarca, que lles permitirán aos clientes e clientas achegarse á lingua propia de Galicia no tempo de xantar.
Fonte: Xunta de Galicia
Persoas xordas procedentes de toda Andalucía reuniranse ás portas do Parlamento de Andalucía para celebrar a lei que recoñecerá a lingua de signos na comunidade autónoma e colocará os dereitos das persoas xordas na vangarda de todo o estado.
Fonte: Diario Signo
Mediante a tarxeta Ikasle Txartela, calquera alumno dos euskaltegis ou da Escola Oficial de Idiomas de Irún disporá de vantaxes económicas en actividades e actos nese idioma que programe o Concello e beneficiarase de descontos en subscricións a publicacións en éuscaro.
Fonte: Diario Vasco
Un membro británico do Parlamento Europeo, Marina Yannakoudakis, esixe a obrigatoriedade de superar exames de lingua para os médicos que traballen na Unión Europea. Asegura ademais que o caso recente no que un médico alemán foi declarado culpable da morte dun paciente levanta “preocupacións sobre a mobilidade dos profesionais médicos na UE”.
Fonte: The Parliament
O Instituto Vigdís Finnbogadóttir de Linguas Estranxeiras da Universidade de Islandia en Reikiavik funcionará agora baixo o mando da UNESCO. Este instituto é a primeira institución lingüística internacional en obter tal recoñecemento.
Fonte: Iceland Review
Alumnos e alumnas de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela visitaron a Secretaría Xeral de Política Lingüística para completar a súa formación académica na materia que están a cursar sobre Planificación sociolingüística da lingua galega.
Fonte: Xunta de Galicia
A diversidade lingüística e cultural do Camiño de Santiago protagoniza unha exposición que chega a Alemaña e que busca poñer en valor o plurilingüismo e a riqueza cultural no ámbito europeo a través do galego.
Fonte: Xunta de Galicia
Subscríbase ao boletín