Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de abril de 2012

    Só un de cada 40 diplomáticos do Reino Unido pode falar con fluidez a lingua do país no que traballa e a maioría mesmo carece de coñecementos básicos para os intercambios comunicativos do día a día. Algunhas embaixadas británicas, como a de Acerbaixán, Bielorrusia, Cuba, Exipto, Malaisia e Filipinas non contan con diplomáticos que falen a lingua local.

    Fonte: The Telegraph

    10 de abril de 2012

    O Concello eskoriatzarra realizou, como todos os anos, o estudo e avaliación do uso do idioma dos documentos municipais durante o ano pasado. O obxectivo é avaliar os avances no uso escrito do éuscaro, para o que o Concello levou a cabo a medición lingüística das resolucións de Alcaldía e dos documentos de entrada e saída do rexistro municipal.

    Fonte: Diario Vasco

    10 de abril de 2012

    A Asociación Cultural Faceira criticou o Goberno de Castela e León porque, ao seu xuízo, se nega a cumprir o artigo 5.2 do Estatuto de Autonomía, no que se establece a “protección específica” do leonés e a necesidade de regular a súa “protección, uso e promoción”.

    Fonte: Europa Press

    10 de abril de 2012

    Ruso, chinés mandarín e romanés son os idiomas máis demandados no servizo de teletradución instalado pola Secretaría Xeral de Igualdade nos centros de información á muller, nas casas de acollida que asisten as vítimas de violencia de xénero e nas entidades e ONG que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de abril de 2012

    A lingua orixinaria da etnia xitana, o caló, está en desuso en España. Co propósito de que non se perda, o IES Ribeira do Louro impulsou un proxecto multimedia para que calquera persoa poida aprender a lingua nativa dos xitanos e a súa cultura a través de internet.

    Fonte: Faro de Vigo

    10 de abril de 2012

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á actividade Galego de cine, organizada no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de abril de 2012

    O Goberno chinés ampliará o ensino da lingua chinesa no exterior co fin de satisfacer mellor o crecente interese por China e pola súa lingua en todo o mundo.

    Fonte: China Daily

    09 de abril de 2012

    O Concello de Elgoibar abriu o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de subvencións destinadas a promover o uso do éuscaro.

    Fonte: Diario Vasco

    09 de abril de 2012

    A Comunidade Valenciana porá en práctica este mesmo ano o exame oral de lingua estranxeira que se incorporará ás probas de selectividade no curso 2013-2014, aínda que será de forma experimental e sen repercusión na nota final.

    Fonte: Diario Información

    09 de abril de 2012

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, asinou un convenio de colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), asociación de carácter non lucrativo de ámbito galego creada en 1996 co fin de agrupar os profesionais que traballan no eido da promoción da lingua galega e de promover a súa formación especializada, entre outros obxectivos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder