Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de marzo de 2012

    O Centro de Cooperación Internacional en Educación ofrecerá unha licenciatura en lingua e cultura portuguesas na provincia chinesa de Hainan. Os estudantes terán a oportunidade de cursar o último ano da licenciatura en Portugal e poderán escoller entre dúas vías de especialización: Xestión Turística e Tradución e Interpretación do portugués ao chinés e viceversa.

    Fonte: CNoticías

    23 de marzo de 2012

    O número de nenos que teñen o inglés como lingua materna son agora minoría en máis de 1600 escolas de Inglaterra. Os novos datos mostran que case un millón de nenos das escolas inglesas non teñen o inglés como a súa primeira lingua. O punxabi é o primeiro idioma máis frecuente destes alumnos.

    Fonte: Mail Online

    23 de marzo de 2012

    Un comité da Cámara dos Lores británica afirmou que todos os nenos deberían aprender linguas estranxeiras na escola primaria e secundaria. O secretario de Educación do Reino Unido, Michael Gove, é tamén partidario de aprender linguas desde os cinco anos de idade.

    Fonte: BBC

    23 de marzo de 2012

    Un experto na lingua falada de Jersey, Tony Scot-Warren, espera que a tradución do Facebook á lingua nativa da illa poida axudar a revivir a lingua. Facebook está xa dispoñible en 71 linguas e aspira a engadir o dialecto normando da illa (ou "jerriais") a esta lista.

    Fonte: BBC

    23 de marzo de 2012

    A música rock en galego é protagonista do novo ciclo de concertos que organiza o Concello de Pontevedra, en colaboración coa Sala Karma, que reunirá a cinco grupos. Segundo o concelleiro Demetrio Gómez, esta actividade «é fundamental porque permite levar a normalización lingüística a onde é difícil chegar dende as institucións, a esa franxa de idade entre os 16 e os vinte e algo anos».

    Fonte: La Voz de Galicia

    23 de marzo de 2012

    A asociación Softcatalà presentou en Barcelona o programa “Catalanizador” para os sistemas de Microsoft Windows, que permite de forma sinxela cambiar a súa configuración para poder utilizar o catalán como lingua principal nestes contornos informáticos.

    Fonte: Finanzas

    23 de marzo de 2012

    A Universidade das Illas Baleares (UIB) emitiu un escrito a favor da lingua catalá en que, “como institución oficial consultiva para todo o que se refire á lingua catalá”, de acordo co Estatuto de Autonomía, manifesta “a súa preocupación e a súa desconformidade” a raíz das últimas actuacións do Goberno balear en materia lingüística.

    22 de marzo de 2012

    O Concello de Lugo disporá dunha ordenanza específica para "avanzar no proceso de normalización lingüística e animar os cidadáns a utilizar o idioma galego sen complexos en todas as facetas da súa vida diaria", informou o tenente alcalde e responsable municipal de Cultura e Turismo, o nacionalista Antón Bao.

    Fonte: De Luns a Venres

    22 de marzo de 2012

    A Deputación de Guipúscoa preguntará aos contribuíntes se desexan relacionarse exclusivamente en éuscaro coa institución foral durante a campaña da declaración da renda, co que elaborarán un censo “voluntario” de vascofalantes.

    Fonte: ABC

    22 de marzo de 2012

    As persoas xordas signantes disporán dunha nova ferramenta que lles facilitará comunicarse, máis ou menos, con outras persoas que non coñecen as linguas de signos.

    Fonte: Diario Signo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder