Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de outubro de 2011

    O Parlamento de Angola aprobou unha lei que definirá as normas xerais de uso das linguas nacionais de orixe africana, informou a ministra de Cultura, Rosa Cruz.

    Fonte: Jornal de Angola

    29 de outubro de 2011

    O ministro de Educación de Sudán do Sur, Joseph Ukel, declarou que o árabe será substituído gradualmente polo inglés como lingua oficial de comunicación nas escolas e oficinas públicas, tal e como se establece na nova constitución do país africano.

    Fonte: Saturday Nation

    28 de outubro de 2011

    O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela presentan o Portal de ditados tópicos galegos, proxecto que xorde inicialmente con fichas recollidas para o Diccionario Geográfico Popular de España iniciado polo escritor Camilo José Cela e no que recompila información sobre alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    28 de outubro de 2011

    Antón Bao, titular da Concellería de Cultura do Concello de Lugo, adiantou os seus plans para fomentar o uso do galego en ámbitos profesionais como son a avogacía e as notarías.

    Fonte: La Voz de Galicia

    28 de outubro de 2011

    O Xulgado de Paz de Soraluze permite, a partir de agora, inscribir en éuscaro os nacementos, matrimonios e decesos, grazas a unha mellora introducida no sistema Inforeg e á aplicación da Lei 12/2005 de 22 de xuño.

    Fonte: Diario Vasco

    27 de outubro de 2011

    Para recuperar o vello espírito do galeguismo científico e humanístico nace a Irmandade da Sanidade Galega (Isaga); e faino coa vontade de ser herdeira da Escola Médica Galega, na que terán tamén cabida todos os profesionais da sanidade amais dos médicos: enfermeiros, boticarios, persoal de xestión administrativa, traballadores sociais etc. Todos farán posible o rexurdimento dun movemento que dignifique a lingua galega e o respecto dos dereitos lingüísticos dos doentes.

    27 de outubro de 2011

    A Fundación Lilly entregou os Premios MEDES 2011 nas súas dúas categorías: “Mellor iniciativa que fomente o uso do idioma español na divulgación do coñecemento científico” e “Mellor institución ou entidade destacada na promoción e difusión da publicación médica en español”.

    Fonte: Compromisorse

    27 de outubro de 2011

    Os Gobernos balear e catalán confirmaron a súa intención de seguir traballando conxuntamente no seo do Instituto Ramón Llull (IRL), co obxectivo de impulsar o coñecemento no exterior e o fomento interno da cultura e a lingua catalás que comparten ambos os territorios.

    Fonte: La Vanguardia

    27 de outubro de 2011

    Unhas setenta empresas de varias localidades de Galicia sumáronse á iniciativa 'Abertos ao galego', impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que pretende conformar unha rede de comercios e servizos que apostan "polo galego" e "un consumo responsable" na lingua propia desta comunidade autónoma.

    Fonte: El Correo Gallego

    27 de outubro de 2011

    A conselleira vasca de Cultura, Blanca Urgell, opinou con motivo dun seminario de ensino de linguas nativas en Bogotá que a experiencia do éuscaro pode "servir de exemplo" para a recuperación e protección das linguas dos pobos indíxenas de Colombia.

    Fonte: ABC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder