Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de outubro de 2011

    O presidente dunha das asociacións máis antigas da lingua gaélica reclama un uso máis prominente da lingua nas Hébridas Occidentais de Escocia. John MacLeod, de An Comunn Gaidhealach (A Asociación Gaélica), declarou que o gaélico debería converterse na "lingua principal das actividades públicas".

    Fonte: BBC

    18 de outubro de 2011

    O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de publicar, en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero, unha guía de criterios de linguaxe non sexista. Esta guía pretende ser un apoio no labor de redacción e creación textual para toda a comunidade universitaria, en especial para as persoas nas que recae a responsabilidade de difundir información institucional.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    18 de outubro de 2011

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu en Valladolid á reunión da comisión mixta de seguimento do Programa de Ensino en Galego no Bierzo e en Sanabria, na que se valorou a implantación desta iniciativa nos centros educativos destas dúas comarcas de Castela e León, situadas nos territorios limítrofes con Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    18 de outubro de 2011

    Unha guía da Fundación da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) explica como os adultos, especialmente os pais, poden ensinar os bebés preto de 200 xestos sinxelos da lingua de signos española para facilitar a comunicación antes de aprenderen a falar.

    Fonte: Diario de Navarra

    18 de outubro de 2011

    A marca “Salamanca Cidade do Español” volverá estar presente na edición 2011 da principal feira do turismo idiomático, a London Language Show, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro en Kensington.

    Fonte: Europa Press

    17 de outubro de 2011

    O crecemento da economía brasileira e a maior presenza de multinacionais no país están a aumentar o interese dos estranxeiros por aprenderen a lingua portuguesa. Na última década, o número de inscritos no Celpe-Bras, exame de competencia en portugués recoñecido polo Ministerio de Educación brasileiro, pasou de 1155 a 6139.

    Fonte: Jornal Luzilândia

    17 de outubro de 2011

    Cunha carga lectiva de 100 horas, a Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela acollerá nos tres primeiros meses do vindeiro ano a segunda edición do curso Inglés Xurídico Internacional.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    17 de outubro de 2011

    O galego adoece do necesario desenvolvemento de tecnoloxías da lingua de calidade, o que o relega a posicións moi por debaixo doutras linguas europeas no tocante, por exemplo, á investigación e á divulgación científica. Esta é a conclusión que se extrae do Libro branco sobre o galego que vén de facer público a rede pan-europea de excelencia Meta-Net, da que forman parte 44 centros de investigación de 31 países.

    Fonte: Universidade de Vigo

    17 de outubro de 2011

    A Rioxa acollerá as ‘I Xornadas do futuro en español’, un encontro no que se analizará a evolución do idioma en relación coas novas tecnoloxías, pero tamén o futuro da lingua española, que é a terceira máis utilizada pola rede e cuxo uso experimentou un incremento do 619 por cento nos últimos nove anos.

    Fonte: Europa Press

    17 de outubro de 2011

    As consellerías de Cultura e Xustiza e o consello dos Colexios de Avogados de Cataluña (Cicac) asinaron un anexo ao acordo de colaboración entre as mesmas partes de 2008, que pretende impulsar o catalán coma lingua de preferencia no ámbito xudicial e, especialmente, entre os avogados.

    Fonte: La Razón

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder