Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de outubro de 2011

    O rápido crecemento económico de China estase a traducir pouco a pouco nunha maior presenza desta lingua nas aulas das escolas europeas e estadounidenses. Actualmente, centos de milleiros de estudantes en Europa e nos Estados Unidos están optando cada vez máis por cursar chinés mandarín en detrimento, moitas veces, de linguas tradicionais como o español ou o alemán.

    Fonte: Financial Times

    16 de outubro de 2011

    O Goberno británico planea a prohibición de presentarse aos exames do permiso de condución en linguas estranxeiras. Co fin de conseguir a máxima seguridade, os novos condutores deberán poder ler os sinais de tráfico en inglés. Segundo a regulación actual, os candidatos poden presentarse ao exame teórico en 19 linguas estranxeiras e realizar a proba práctica coa presenza dun intérprete.

    Fonte: Scotsman

    15 de outubro de 2011

    Francia endurecerá as normas de tipo lingüístico aos estranxeiros interesados en obter a cidadanía, que deberán presentar probas escritas que certifiquen o dominio suficiente do francés para poder vivir no país.

    Fonte: The News

    15 de outubro de 2011

    Ante a proximidade das vindeiras eleccións primarias de 2012, o Goberno federal dos Estados Unidos decretará que 248 condados estadounidenses e outras xurisdicións políticas faciliten papeletas bilingües a membros da comunidade hispana ou doutras minorías que non dominen a lingua inglesa. Se for preciso, os votantes recibirán tamén asistencia lingüística específica para que poidan participar no proceso electoral.

    Fonte: Forbes

    14 de outubro de 2011

    A ministra zambiana de Asuntos Tradicionais, Inonge Wina, solicitou aos medios de comunicación que inclúan as linguas locais zambianas nos seus espazos comunicativos. A ministra defendeu esta proposta en Lusaka nun obradoiro da Academia Africana das Linguas, unha institución especializada da Unión Africana centrada no desenvolvemento e promoción das linguas africanas como medio de fomentar a integración e o progreso do continente africano.

    14 de outubro de 2011

    Conseguir que a mocidade e as familias se impliquen no uso das linguas inuktitut e inuinnaqtun na provincia canadense de Nunavut é esencial para a súa supervivencia, afirmou Cathi Towtongie, presidenta de Nunavut Tunngavik Inc., unha institución que se centra na protección dos intereses do pobo inuit.

    Fonte: Nunatsiaq Online

    14 de outubro de 2011

    Na era do Twitter e os seus 140 caracteres aínda quedan 80 románticos en Valencia que se apaixonan polas linguas mortas. Comezaron o curso na academia das linguas bíblicas. O acadio, con 4800 anos, é este ano a novidade.

    Fonte: Levante-emv

    14 de outubro de 2011

    A xustiza catalá ditou, ao longo de 2010, seis veces máis sentenzas en castelán ca en catalán, 221.000 fronte a 37.000 aproximadamente, unha cifra similar á que se rexistrara no ano anterior.

    Fonte: La Vanguardia

    13 de outubro de 2011

    O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou que “a industria editorial galega está a realizar un importante esforzo para situar o sector no escenario de progreso, modernidade e innovación que Galicia precisa”.

    Fonte: Xunta de Galicia

    13 de outubro de 2011

    Segundo o Ministerio de Cultura, o número de títulos que saíu en galego en 2010 foi de 2544, fronte aos 2121 de 2009. Canda a isto increméntase tamén o número de editoriais das que ten constancia este Ministerio en Galicia, cun total de 164 este ano fronte ás 157 do pasado.

    Fonte: Culturagalega.org

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder