Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xaneiro de 2012

    O deputado do BNG Bieito Lobeira denuncia o incumprimento das leis galegas de normalización lingüística e da administración local ao expedir o consistorio notificacións oficiais que exclúen a lingua galega nas súas relacións cos veciños de Marín.

    Fonte: ABC

    27 de xaneiro de 2012

    A Deputación de Áraba impulsa un ciclo de charlas de orientación para «incidir na transmisión do idioma da familia e axudar os fillos a vivir o plurilingüismo como algo positivo e enriquecedor», así como «axudar ás familias a resolver as súas dúbidas ao respecto».

    Fonte: El Correo

    27 de xaneiro de 2012

    A falta de recuperación e protección dos nomes tradicionais en toda Galicia fixo que moitos deles estivesen a piques de perderse no esquecemento colectivo substituídos por termos artificiais ou inventados. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria decidiu emendar erros do pasado facendo un estudo de recolleita e restauración do patrimonio toponímico do campus vigués da man de Iván Sestay, titulado da Facultade de Filoloxía e Tradución.

    26 de xaneiro de 2012

    O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, realizou a súa primeira visita institucional á Real Academia Galega, onde mantivo un encontro co seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. Na xuntanza, que tivo lugar na sede da RAG na Coruña, tamén estiveron presentes os membros da comisión executiva da entidade Xosé Luís Axeitos, secretario; Manuel González González, tesoureiro, e Francisco Fernández Rei, que é o vicesecretario.

    26 de xaneiro de 2012

    O Consorcio Audiovisual de Galicia, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, vén convocando monográficos de inglés audiovisual que nos últimos anos teñen lugar nas Escolas Oficiais de Idiomas da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    26 de xaneiro de 2012

    Un medio de comunicación, dixital e en galego. Esta é a proposta de Dioivo, a cabeceira que un conxunto de xornalistas "parados de diferentes grupos de comunicación" está a ultimar e que verá a luz en breve.

    Fonte: Culturagalega.org

    26 de xaneiro de 2012

    Edicións Trabe únese ao mundo do libro electrónico ofertando aos lectores catro obras en asturiano e gratis para a lectura no iPad, iPhone, eReader etc.

    Fonte: Asturnews

    26 de xaneiro de 2012

    O portavoz do Goberno catalán, Francesc Homs, asegurou que non hai contradición en recoñecer que o castelán tamén é lingua vehicular en Cataluña e manter a inmersión lingüística nas escolas.

    Fonte: ABC

    25 de xaneiro de 2012

    UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a Infancia) e o Ministerio chileno de Desenvolvemento Social publicaron un estudo sobre a mocidade indíxena de Chile. O informe amosou que un 89 % dos menores indíxenas deste país non fala nin entende a súa linga orixinaria.

    Fonte: Indigenous News

    25 de xaneiro de 2012

    Segundo datos ofrecidos pola Oficina Australiana de Estatística, antes do asentamento europeo, existían en Australia máis de 250 linguas indíxenas. Hoxe en día, só sobrevive pouco máis da metade destas e moitas están seriamente ameazadas, aínda que existen iniciativas que tentan mudar esta tendencia. No estado de Queensland, estanse a organizar obradoiros que teñen como obxectivo espallar o coñecemento sobre estas linguas.

    Fonte: ABC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder