Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de xaneiro de 2012

    O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, inaugurou o mural que o artista Leandro Lamas creou para a Facultade de Económicas, unha iniciativa que fusiona a tradición produtiva de Galicia coa lingua galega. Neste acto reivindicou o incremento do uso do galego na docencia, na investigación e na xestión “seguindo as pautas do establecido no Plan de normalización lingüística que aprobou o Consello de Goberno en 2006”.

    25 de xaneiro de 2012

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizou un acto de presentación o pasado 20 de xaneiro do proxecto Vitaminas para o galego. Trátase dunha campaña de sensibilización levada adiante por distintos medios e redes sociais que teñen en común a utilización do galego como lingua de comunicación.

    Fonte: SNL de Redondela

    25 de xaneiro de 2012

    No seu afán por dar a coñecer a lingua e cultura vascas no ámbito internacional, o Instituto Vasco Etxepare estará presente tamén este ano en diversas feiras internacionais.

    Fonte: Xornal de Galicia

    25 de xaneiro de 2012

    Aragón TV comezou a repor nas madrugadas de luns a venres (2.20 h) a segunda edición de ‘Aragón noticias’, adaptado ás persoas xordas a través da inclusión dun intérprete de lingua de signos española.

    Fonte: Fórmula TV

    24 de xaneiro de 2012

    O primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, opina que todos os inmigrantes que cheguen a Rusia a partir de 2013 deberán realizar probas obrigatorias de lingua, literatura e historia rusas.

    Fonte: Russia-media

    24 de xaneiro de 2012

    Martin Tate, natural de Caernarfon, no norte de Gales, está a cumprir unha condena de 16 meses na prisión inglesa de Stockton-on-Tees e afirma que non pode falar galés coa súa familia. O servizo penitenciario declarou que pode usar a súa lingua materna sempre que o comunique cunha antecedencia de 48 horas.

    Fonte: BBC

    24 de xaneiro de 2012

    A concelleira do BNG de Vigo, Iolanda Veloso, denunciou publicamente o incumprimento da ordenanza municipal sobre normalización lingüística por parte do Goberno local tras a publicación dun anuncio institucional nun xornal local "só en castelán".

    Fonte: Galicia Hoxe

    24 de xaneiro de 2012

    O programa Berbalagun de Llodio, unha iniciativa que está dando ás persoas que queren practicar e vivir en éuscaro a oportunidade de facelo en grupos que se reúnen con periodicidade semanal, ampliou os seus horizontes. Decidiu crear novos grupos de encontro, exclusivamente integrados por familias con fillos e fillas de curta idade.

    24 de xaneiro de 2012

    O Valedor do Pobo da Rexión de Murcia solicitou á Consellería de Presidencia e Administracións Públicas que vele pola eliminación do uso sexista da lingua, atendendo así á queixa dun cidadán.

    Fonte: ABC

    23 de xaneiro de 2012

    O Tribunal Constitucional de Letonia decidiu autorizar o referendo sobre a oficialización da lingua rusa. A Comisión Electoral ditaminou que se celebrará o próximo 18 de febreiro.

    Fonte: Ria Novosti

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder