Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de xaneiro de 2012

    O Concello de Maracena, en Granada, Cruz Vermella e a Asociación Dar el Farah (Casa da Alegría) puxeron en funcionamento clases de árabe que se dirixen, principalmente, aos máis pequenos, co obxectivo de que non esquezan a súa lingua materna e poidan empregala de forma correcta.

    Fonte: La Información

    17 de xaneiro de 2012

    As Universidades de Lisboa e Pequín e o Instituto Politécnico de Macau prepáranse para crear unha plataforma para o ensino da lingua portuguesa en China, afirmou en Macau o reitor da Universidade de Lisboa.

    Fonte: ANGOP

    17 de xaneiro de 2012

    Canto máis se fala e escribe unha lingua, máis prospera. Porén, cando o medio de comunicación é a rede, esa lingua precisa de tecnoloxía para poder acadar bos índices de uso. Desafortunadamente, moi poucas linguas indias prosperan no espazo virtual debido ao baixo número de cambios tecnolóxicos que obstaculiza o seu uso.

    Fonte: The Economic Times

    17 de xaneiro de 2012

    A asociación de estudantes Trabalingua da Universidade de Vigo decidiu poñer en marcha "Falamos?", unha campaña para organizar tándems de conversa entre alumnado galego e estranxeiro de modo que todos poidan ampliar os seus coñecementos doutro idioma. A finalidade é difundir a lingua galega no exterior e facela máis visible a nivel internacional.

    Fonte: Universidade de Vigo

    17 de xaneiro de 2012

    A Asociación Cultural Espaituga demanda a presenza da lingua e cultura portuguesas dentro do sistema educativo valenciano “ao mesmo nivel que outras linguas estranxeiras como o francés, o alemán e o italiano”.

    Fonte: La Vanguardia

    17 de xaneiro de 2012

    A plataforma aragonesa Non Falamos Catalán manifestarase en Zaragoza para esixir a supresión de calquera referencia ao catalán na Lei de linguas de Aragón, así como para a renovación do Consello Superior de Linguas de Aragón.

    Fonte: La Voz Libre

    16 de xaneiro de 2012

    A prohibición da celebración do referendo sobre o estatuto do idioma ruso en Letonia podería conducir a protestas nas rúas, advertiron os líderes da organización Lingua materna, quen iniciaran a recollida de sinaturas para converter o ruso na segunda lingua oficial do país báltico.

    Fonte: La Voz de Rusia

    16 de xaneiro de 2012

    A Universidade de Iowa, nos EUA, ofrecerá aos seus alumnos un máster de literatura creativa en español. Deste xeito, a escola de literatura máis prestixiosa dos Estados Unidos afianza os alicerces para a expansión do idioma de Cervantes no país norteamericano.

    Fonte: El Referente

    16 de xaneiro de 2012

    «Toda a lingua no teu peto». Así definen na súa web os creadores de GalApps as utilidades das aplicacións que deseñaron para Android e que en apenas dous meses conseguiron unhas 2500 descargas.

    Fonte: La Voz de Galicia

    16 de xaneiro de 2012

    A Generalitat insta a todos os empregados da sanidade pública a falar en catalán durante a súa xornada laboral. Os servizos territoriais de saúde de Tarragona distribuíron un protocolo de 12 páxinas que obriga a todos os facultativos a falar entre eles nesta lingua e a dirixirse tamén en catalán aos pacientes.

    Fonte: El País

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder