Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de xaneiro de 2012

    Aínda non se chegou a un consenso sobre as linguas orixinarias que deben impartirse nas unidades escolares de Bolivia. As autoridades educativas instruíron que as provincias apliquen a lingua nativa que predomina na zona, incluído o quechua. Porén, organizacións sociais pensan que se debe dar prioridade ao ensino das linguas orixinarias do departamento de Santa Cruz.

    Fonte: Los Tiempos

    11 de xaneiro de 2012

    Un mozo brasileiro de 15 anos adapta o iPhone 4S, da empresa norteamericana Apple, á lingua portuguesa. O aparello está dispoñible só en inglés, francés e alemán.

    Fonte: Ciência Hoje

    11 de xaneiro de 2012

    Nos tempos actuais de crise, un grupo de traballadores está a gozar de prosperidade grazas aos bos índices da economía xermana: os profesores de lingua alemá. Os centros do Instituto Goethe de toda Alemaña están a rexistrar un forte incremento de estudantes de Grecia e España, dous dos países máis castigados pola crise na zona do euro.

    Fonte: FT

    11 de xaneiro de 2012

    Coñecida comunmente como a lingua orixe do árabe e o hebreo, a antiga lingua aramea conta aínda con falantes e está prosperando nalgunhas zonas de Iraq. Hoxe en día, coa crecente estabilidade da rexión kurda do país, o arameo está rexurdindo na zona. Das 30 000 persoas estimadas que falan un dialecto do arameo no mundo, a maioría vive no Kurdistán iraquí.

    Fonte: The Wall Street Journal

    11 de xaneiro de 2012

    Os poetas de Galicia teñen un novo espazo autoxestionado onde dar a coñecer os seus traballos coa creación do blog As escollas electivas.

    Fonte: Valmiñor.info

    11 de xaneiro de 2012

    A campaña a prol dos medios en lingua galega acaba de lograr o seu primeiro éxito. “Vitaminas para o galego” conseguiu recadar máis de 4000 euros a través de internet en menos dun mes dende a súa presentación.

    Fonte: Galicia Confidencial

    11 de xaneiro de 2012

    O Departamento de Educación convocou para o presente curso escolar cinco concursos en éuscaro co fin de fomentar a creatividade, a expresión e as competencias lingüísticas nesta lingua do alumnado navarro.

    Fonte: Diario de Navarra

    11 de xaneiro de 2012

    O Tribunal Constitucional decidiu manter en suspenso a lei autonómica do aranés, que pretende establecer como ‘preferente’ a lingua aranesa no Val de Aran (Lleida) aínda que na comarca existen tres linguas oficiais en igualdade de condicións.

    Fonte: La Voz de Barcelona

    10 de xaneiro de 2012

    Os nenos inuit están medrando con novas tecnoloxías en continua evolución mais algúns pais temen que as habilidades lingüísticas non poidan adaptarse ao ritmo imposto por estas tecnoloxías. Por este motivo, un pai da cidade canadense de Iqaluit decidiu crear un xogo educativo en liña e un software para nenos na lingua inuit.

    Fonte: The Vancouver Sun

    10 de xaneiro de 2012

    O observatorio dos dereitos lingüísticos Behatokia, creado por Kontseilua, cumpriu en 2011 dez anos. Fundado para velar polos dereitos dos falantes de éuscaro, Behatokia presentou recentemente en Bilbao un balance da última década (2001-2010) e resumiu que neste tempo a normalización do éuscaro non sufriu “grandes avances”. Durante estes anos, o observatorio tratou 9514 casos, dos que destacan as 8535 queixas rexistradas.

    Fonte: Deia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder