Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de novembro de 2011

    O enviado de Rusia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Dmitry Rogozin, propuxo a celebración dun referendo nos Estados europeos para que o ruso se converta en lingua de traballo da Unión Europea. O partido gobernante, Rusia Unida, apoiou esta proposta.

    Fonte: RT

    04 de novembro de 2011

    A canle de televisión en lingua irlandesa TG4 publicou a súa primeira aplicación para aprender irlandés. Pensada fundamentalmente para os máis pequenos, este novo recurso contén máis de 100 palabras en irlandés, polo que tamén pode ser ideal para aqueles que se inician na aprendizaxe da lingua.

    Fonte: The Journal

    04 de novembro de 2011

    As empresas estranxeiras que teñan negocios na cidade de Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, teñen agora a opción de acudir a tribunais en lingua inglesa no Centro Financeiro Internacional de Dubai para resolver os seus litixios.

    Fonte: Out-Law

    04 de novembro de 2011

    O 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, unha celebración que pretende poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    04 de novembro de 2011

    Para prestar un mellor servizo aos turistas con discapacidade auditiva que visitan Santander ou Cantabria, o Concello colaborará coa Asociación de Guías Turísticos Oficiais de Santander e Cantabria na organización dun curso de lingua de signos que ten como obxectivo ampliar a formación destes profesionais.

    Fonte: Diario Montañés

    04 de novembro de 2011

    O español é a terceira lingua máis utilizada en internet e supón un 8 % dos idiomas usados, un aumento dun dous por cento respecto ao ano 2000, segundo amosan as conclusións do libro Word for Word/Palabra por palabra, realizado polo Instituto Cervantes e o British Council.

    Fonte: Diario de Navarra

    04 de novembro de 2011

    Rinoceronte Editora, o selo especializado en tradución, conta cunha nova aposta: unha colección de banda deseñada en galego dirixida polo crítico Breixo Harguindey.

    Fonte: El País

    04 de novembro de 2011

    A denuncia presentada por un cidadán a través da Liña do Galego que mantén A Mesa pola Normalización Lingüística leva a este colectivo a reclamarlle ao Concello da Coruña a inclusión da lingua galega entre as que se empregan para a tramitación e sinalización da tarxeta municipal Millennium.

    Fonte: La Opinión

    03 de novembro de 2011

    A promoción e o uso do valenciano perden activos nos orzamentos da Generalitat de 2012, ao verse reducidas as axudas nun 10,62 %. Isto, sumado aos dous exercicios anteriores de recortes, significa que a promoción do valenciano acumula un descenso do 40,81 % nos últimos tres anos.

    Fonte: El País

    03 de novembro de 2011

    O Concello de Lugo colocará unha placa no cemiterio municipal de San Froilán para recordar as persoas enterradas no camposanto que contribuíron á supervivencia da lingua galega.

    Fonte: ABC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder