Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de novembro de 2011

    Nenos e nenas de entre 2 e 6 anos son o público principal da Semente, un centro educativo que abre as súas portas en Compostela. O proxecto ten unha dupla vertente e funciona pola mañá como centro educativo e pola tarde como ludoteca, partindo sempre dun traballo en galego.

    Fonte: Culturagalega.org

    03 de novembro de 2011

    A emisora en asturiano Radio Sele viuse obrigada a desmontar a súa antena e deixar de emitir tras recibir unha orde do director provincial da Xefatura de Comunicacións, que pertence ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio de España. Con esta decisión, o Goberno central pecha a única radio que usa o asturiano no 100% das súas emisións.

    Fonte: Asturnews

    03 de novembro de 2011

    Está en marcha unha campaña en Letonia para adoptar o ruso como segunda lingua oficial. Prevese que esta reciba un importante apoio, dado que case a metade da poboación do país é de orixe rusa. No caso de que se oficialice, o ruso pode converterse tamén en lingua oficial da Unión Europea.

    Fonte: Euronews

    02 de novembro de 2011

    Segundo as enquisas realizadas nos Estados Unidos, existen uns 300 000 cidadáns cheroquis, mais poucos de entre os menores de 40 anos teñen competencia oral na lingua cheroqui. Os esforzos para revitalizala incluíron a creación dun dicionario electrónico con máis de 10 000 entradas e a fundación dunha escola de inmersión lingüística.

    Fonte: Physorg

    02 de novembro de 2011

    O pasado 27 de outubro presentouse Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que aínda resiste.

    Fonte: Galicia Hoxe

    02 de novembro de 2011

    O proxecto Praza Pública empezará a comunicar como xornal dixital en xaneiro. Está aberto a quen queira colaborar, coa idea de trazar estratexias cooperativas co resto dos medios que seguen comunicando en galego ou teñen previsto facelo.

    Fonte: El País

    02 de novembro de 2011

    O sindicato asturiano do ensino SUATEA fixo unha declaración na que pedía “unha radiotelevisión para o Principado de Asturias” de calidade, ben xestionada e ao servizo das necesidades da sociedade e non de intereses partidistas. SUATEA entende que a RTPA debe ter un “importante valor educativo e cultural” e debe desempeñar un papel importante “no fomento e normalización da lingua e cultura asturianas”.

    Fonte: Asturnews

    31 de outubro de 2011

    Defensores da lingua laz en Turquía solicitaron oficialmente ao Goberno turco que cree un instituto para a protección e estudo do laz, unha lingua caucásica ameazada que precisa de axuda gobernamental urxente para sobrevivir.

    Fonte: Today's Zaman

    31 de outubro de 2011

    O patuá macaense, unha lingua crioula de base portuguesa influenciada polo cantonés e o malaio, está considerada pola UNESCO como "seriamente ameazada". Estímase que unicamente un pequeno grupo de persoas pode falar a lingua en Macau e, se cadra, uns poucos centos nas comunidades macaenses do estranxeiro.

    Fonte: AFP

    31 de outubro de 2011

    O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na Estrada no acto de constitución da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), unha iniciativa promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística que busca promover a extensión do galego no ámbito sanitario.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder