Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de marzo de 2011

    O Instituto Etxepare destinará 1,3 millóns de euros, o 48% do seu orzamento, a axudas para a difusión internacional da cultura vasca. Uns 751.359 destinaranse a promover a produción no exterior e 600.000 a consolidar e abrir programas de lectorados, cátedras e bolsas en prestixiosas universidades do mundo.

    Fonte: Diario Vasco

    25 de marzo de 2011

    O galego é unha das 80 linguas nas que está dispoñible o Firefox 4, que vén cunha renovada interface con novas característica e unha gran mellora na velocidade, ademais de incluír as máis modernas tecnoloxías web.

    Fonte: Mancomún

    24 de marzo de 2011

    Animar os pais e as nais a introducir o galego na comunicación cos seus fillos desde os primeiros momentos. Ese é o principal obxectivo do cartafol Xeración dos Axóuxeres, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que está pensada para acompañar as mulleres e as súas parellas durante o derradeiro tramo do embarazo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    24 de marzo de 2011

    A conselleira de Ensino da Generalitat, Irene Rigau, propuxo un plan de “plurilingüismo veciñal” para que as linguas autonómicas se estuden nas escolas das comunidades autónomas limítrofes nas que non son cooficiais.

    Fonte: La Voz de Barcelona

    23 de marzo de 2011

    A lingua portuguesa empregouse por primeira vez na sesión plenaria do Parlamento de Timor Leste dando así cumprimento a unha resolución aprobada polo Parlamento Nacional que garante o uso obrigatorio do portugués na cámara.

    Fonte: Net Madeira

    23 de marzo de 2011

    A Fundación para o Patrimonio Manés animou a todos os residentes da Illa de Man que poidan falar manés a indicalo no censo de 2011. A pregunta nove do censo consulta aos cidadáns da illa se poden falar, ler ou escribir en manés. As respostas afirmativas servirán de estímulo para que as persoas sigan aprendendo e mellorando os seus coñecementos desta lingua celta.

    Fonte: Isle of Man

    23 de marzo de 2011

    España atópase á cola de Europa en canto a dominio de inglés. Así o revelan os resultados dun estudo elaborado por Education First (EF) a partir de probas de nivel practicadas a máis de dous millóns de adultos de 42 países e dous territorios.

    Fonte: ABC

    22 de marzo de 2011

    O ministro do Interior flamengo, Geert Bourgeois, declarou que vivir en Flandres significa adoptar a lingua neerlandesa. Segundo informou, os falantes de francés en Flandres son tamén cidadáns flamengos con "dereitos e deberes"; "poden falar a súa linga no ámbito privado, mais deben falar neerlandés na vida pública, especialmente nos contactos coas autoridades locais, escolas etc.".

    Fonte: L'Anglophone

    22 de marzo de 2011

    O número de alumnos de lingua catalá no estranxeiro duplicouse desde 2003, ao pasar de 565 nese ano a 1.252 en 2010, segundo informou o Instituto Ramón Llull (IRL).

    Fonte: La Vanguardia

    22 de marzo de 2011

    As cifran resultan elocuentes porque sete de cada dez nenos que cursaron educación infantil en Euskadi durante o curso 2009-2010 fixérono no modelo D, dominado polas clases en éuscaro. O modelo B foi a segunda opción, cun 24% do alumnado, e só un 4% seguiu os estudos no modelo A, segundo Eustat.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder