Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de marzo de 2011

    O Congreso dos Deputados debaterá a posibilidade de reformar o seu Regulamento para garantir “canto antes” o uso do catalán, o éuscaro e o galego, tal como reivindica unha proposición de lei promovida por Esquerra Republicana (ERC) e que leva tamén a sinatura dos nacionalistas de CiU, PNV e BNG, así como de IU-ICV e de Nafarroa-Bai.

    Fonte: El Mundo

    22 de marzo de 2011

    O Boletín Oficial do País Vasco publicou a orde pola que se establecen as bases do proceso de avaliación externa 'Bikain' (Certificado de Calidade na Xestión Lingüística), e na que se abre o prazo de solicitude deste servizo de avaliación para a edición de 2011, ao que optan 30 organizacións como máximo.

    Fonte: Europa Press

    22 de marzo de 2011

    O mundo mariño das costas de Galicia chega aos centros educativos da comunidade a través dun documental científico en lingua galega. Trátase d’O mar da fin do mundo. O reino dos cefalópodos, unha produción impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para achegarlles aos escolares contidos curriculares propios das ciencias naturais en galego.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de marzo de 2011

    A maxia das palabras e da música en galego centra a oferta de Bocaberta para esta semana. Este programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que busca dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, visitará nos próximos días un total de 19 concellos para ofrecerlles aos máis novos actividades adaptadas aos seus intereses.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de marzo de 2011

    Vinte e tres membros do Concello de Belfast votaron en contra da sinalización bilingüe en inglés e irlandés ou escocés do Úlster fronte a vinte e un membros que se posicionaron a favor da devandita iniciativa.

    Fonte: BBC

    21 de marzo de 2011

    A Asociación de Xuristas en Defensa da Lingua Propia puxo en marcha a campaña ‘No Canviem de Llengua’ (Non cambiemos de lingua) para concienciar a cidadanía para que non cambie de lingua cando se dirixa aos organismos de Xustiza e se fala catalán poida usalo sen pasar ao castelán.

    Fonte: Europa Press

    21 de marzo de 2011

    Os grupos minoritarios do Congreso volverán tentar que se tramite unha reforma regulamentaria para garantir “canto antes” o uso do catalán, o éuscaro e o galego na Cámara Baixa.

    Fonte: Europa Press

    21 de marzo de 2011

    “O estudo do galego debe servir para axeitar a nosa lingua ás esixencias terminolóxicas dunha sociedade moderna, facilitar a súa aprendizaxe, vencer os prexuízos que a atenazan e coñecernos e sentirnos orgullosos de nós mesmos”. Así se expresou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no acto de presentación d’O galego en Zolle, de Xosé Luís Vázquez Somoza, obra premiada no III Certame de Investigación Condado de Pallares.

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de marzo de 2011

    Os Axóuxeres, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca contribuír á transmisión lingüística do galego, visitaron os concellos de Foz e Vilalba cos seus Obradoiros, destinados aos nenos e nenas de 0 a 3 anos e mais ás súas familias, como o resto do programa.

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de marzo de 2011

    A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocará seis bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder