Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de marzo de 2011

    Cidadáns indíxenas residentes no Distrito Federal de México esixen atención sanitaria, educación e xustiza nas súas linguas nativas, en cumprimento das leis que protexen os dereitos das comunidades indíxenas.

    Fonte: El Universal

    27 de marzo de 2011

    O líder espiritual hindú, Swami Ramdev, apoiou a consideración das linguas rexionais konkani e maratí como linguas de instrución nas escolas do estado indio de Goa. A súa reacción de apoio prodúcese no medio dun fervoroso debate sobre a posibilidade de converter o inglés na principal lingua da educación pública do estado indio.

    Fonte: Prokerala News

    27 de marzo de 2011

    A Academia Mexicana da Lingua proporalles ás Cámaras de Deputados e Senadores mexicanas unha reforma constitucional para declarar o español como lingua oficial do país. A proposta será compatible coa posibilidade de que as linguas indíxenas sexan declaradas oficiais nas súas respectivas zonas de influencia.

    Fonte: Galicia Hoxe

    27 de marzo de 2011

    Un grupo de lingüistas chineses gravará voces de falantes do dialecto de Xangai como parte dun proxecto que pretende a creación dunha base de datos de dialectos locais co fin de protexer a diversidade lingüística do país asiático.

    Fonte: O outro lado da notícia

    25 de marzo de 2011

    A Real Academia Española e a patronal do sector das tecnoloxías da información e as comunicacións (Ametic) adheriranse, durante a celebración da décima reunión do Club Málaga Valley, á Declaración para promover o uso do español na rede, que tamén asinaron en outubro de 2010 empresas coma Telefónica, IBM; Oracle, Red.es ou o Grupo PRISA, editor de El País.

    Fonte: El País

    25 de marzo de 2011

    O Instituto Etxepare destinará 1,3 millóns de euros, o 48% do seu orzamento, a axudas para a difusión internacional da cultura vasca. Uns 751.359 destinaranse a promover a produción no exterior e 600.000 a consolidar e abrir programas de lectorados, cátedras e bolsas en prestixiosas universidades do mundo.

    Fonte: Diario Vasco

    25 de marzo de 2011

    O galego é unha das 80 linguas nas que está dispoñible o Firefox 4, que vén cunha renovada interface con novas característica e unha gran mellora na velocidade, ademais de incluír as máis modernas tecnoloxías web.

    Fonte: Mancomún

    24 de marzo de 2011

    Animar os pais e as nais a introducir o galego na comunicación cos seus fillos desde os primeiros momentos. Ese é o principal obxectivo do cartafol Xeración dos Axóuxeres, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que está pensada para acompañar as mulleres e as súas parellas durante o derradeiro tramo do embarazo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    24 de marzo de 2011

    A conselleira de Ensino da Generalitat, Irene Rigau, propuxo un plan de “plurilingüismo veciñal” para que as linguas autonómicas se estuden nas escolas das comunidades autónomas limítrofes nas que non son cooficiais.

    Fonte: La Voz de Barcelona

    23 de marzo de 2011

    A lingua portuguesa empregouse por primeira vez na sesión plenaria do Parlamento de Timor Leste dando así cumprimento a unha resolución aprobada polo Parlamento Nacional que garante o uso obrigatorio do portugués na cámara.

    Fonte: Net Madeira

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder