Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de decembro de 2024

    O Concello de Pamplona e a Asociación Karrikiri lanzaron un programa cultural para divulgar a literatura en éuscaro publicada en 2024 e promover autoras e autores vinculados á cidade. Inclúe dez presentacións entre decembro e xaneiro, ademais de recitais e actividades relacionadas coa literatura e o bertsolarismo.

    11 de decembro de 2024

    O Concello de Bilbao abriu o prazo de inscrición para a XXXVII edición do Concurso de Contos en Éuscaro Rafael Mikoleta, dirixido a escolares de 8 a 16 anos. O certame busca homenaxear o autor da primeira gramática vasca e fomentar a lectura e escritura nesta lingua entre a mocidade bilbaína. Os contos deben ser orixinais, escritos en éuscaro, ilustrados e presentados antes do 31 de xaneiro de 2025.

    11 de decembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou “o papel esencial” que desenvolven a música e cantos tradicionais na preservación e na divulgación da cultura e lingua galegas. Fíxoo durante a entrega en Ourense do Premio Otero Pedrayo 2024 á Coral de Ruada, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

    11 de decembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu a “relevante contribución” dos certames literarios en galego para “prestixiar a nosa lingua o que, consecuentemente, acaba repercutindo nun maior uso social”. Así o destacou na entrega na Coruña do XIII Premio Narrativa Breve Repsol a Alberto Ramos pola obra Pirotecnia, nun acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.

    11 de decembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou os premios da cuarta edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en galego pola Institución Galega da Ciencia coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega.

    10 de decembro de 2024

    O Goberno de Islandia quere que a poboación migrante residente no país aprenda a lingua vernácula. Varias empresas e institucións públicas ofrecen cursos de islandés durante o horario laboral.

    Fonte: Times of Malta

    10 de decembro de 2024

    A administración Biden-Harris dos Estados Unidos de América lanzou un plan nacional que ten por obxecto a protección e revitalización das linguas indíxenas estadounidenses.

    Fonte: Minnesota Reformer

    10 de decembro de 2024

    O Consorci per a la Normalització Lingüística abre en decembro o período de inscricións para os novos cursos trimestrais de catalán, dispoñibles entre os niveis A1 e C1, con máis de 32 000 prazas ofertadas, maioritariamente en modalidade presencial. Os niveis inicial e básico son gratuítos e teñen prioridade para persoas con poucos coñecementos da lingua.

    10 de decembro de 2024

    Plataforma per la Llengua comezou unha campaña para sensibilizar sobre o dereito dos pacientes a seren atendidos en catalán nos centros de saúde, distribuíndo trípticos con información sobre os dereitos lingüísticos en diversas localidades de Cataluña. A iniciativa destaca a importancia de garantir o uso do catalán no ámbito sanitario e denuncia que este é un dos sectores con máis discriminacións lingüísticas.

    10 de decembro de 2024

    A Generalitat Valenciana destinou preto de 698 000 euros para promover o valenciano e o multilingüismo no ámbito musical, apoiando festivais, concertos e gravacións. Estas axudas buscan fomentar a creación, produción e difusión de actividades musicais realizadas nesta lingua para visibilizar o valenciano na sociedade actual.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder