Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de decembro de 2024

    A investigadora Reyes Rodríguez Rodríguez publica unha obra sociolingüística sobre a Limia Baixa, na que explora, a través da mocidade local, o estado actual do galego nesta área. Analízanse o compromiso lingüístico, os prexuízos, e a defensa da súa variedade dialectal, especialmente fenómenos como a gheada e as sibilantes sonoras. O estudo aborda o impacto do contacto co galego estándar, o español e o portugués na conservación desta variedade e nas actitudes dos seus falantes.

    10 de decembro de 2024

    A Deputación da Coruña publicou no BOP as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas de produción e distribución audiovisual para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia durante o ano 2025.

    10 de decembro de 2024

    A Xunta de Galicia programará unha xira de Nadal dos famosos bonecos televisivos Os Bolechas para difundir entre a cativada os tradicionais Cantares de Reis. Así o deu a coñecer en Santiago de Compostela o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou que esta proposta, en colaboración coa CRTVG e Gadisa, “é xa unha cita cultural consolidada” entre as familias galegas na campaña de dinamización da lingua para estas festas.

    09 de decembro de 2024

    O goberno da India recoñeceu oficialmente a lingua tibética bhoti e o urdú como idiomas oficiais do territorio indio do Ladakh tras reunións entre líderes locais e representantes do Ministerio do Interior en Nova Deli.

    Fonte: Phayul

    09 de decembro de 2024

    A longametraxe brasileira Ainda estou aquí foi anunciada como unha das nomeadas ao Globo de Ouro na categoría de mellor película en lingua estranxeira. A cerimonia de entrega dos premios terá lugar o 5 de xaneiro en California.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    09 de decembro de 2024

    Un total de doce empresas e dous centros formativos da comarca de Txorierri uníronse ao proxecto HABIA, impulsado pola Mancomunidade de Servizos de Txorierri co apoio do Goberno vasco e a Deputación de Biscaia, co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro no ámbito laboral. A iniciativa busca crear un ecosistema que favoreza a utilización da lingua vasca, proporcionándolles ás empresas ferramentas personalizadas para incorporar o idioma no seu funcionamento diario.

    09 de decembro de 2024

    A CRTVG abriu o prazo para os Premios DígochoEu 2024/2025, dirixidos a centros de primaria e secundaria de Galicia ou con ensino de galego. Seleccionaranse 12 propostas orixinais que serán gravadas nos centros e emitidas pola CRTVG. En maio, un xurado outorgará premios baseándose na calidade lingüística e creatividade. O proxecto, creado en 2020, destaca pola súa innovación no ensino do galego e polos seus recoñecementos e repercusión nas redes sociais.

    09 de decembro de 2024

    A Real Academia Galega presenta unha listaxe unificada con máis de 600 nomes galegos de aves, resultado do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas. A iniciativa prioriza denominacións patrimoniais, corrixe castelanismos e incorpora achegas doutras linguas, como o portugués ou linguas nórdicas. O proxecto busca a normalización terminolóxica e a coherencia coas tradicións galegas e a precisión científica.

    06 de decembro de 2024

    A comunidade kurda de Turquía, que representa o 5 % da poboación de todo o país, ten moitas dificultades para acceder a servizos públicos en lingua kurda, sobre todo no ámbito do ensino.

    Fonte: DuvaR.english

    06 de decembro de 2024

    Representantes de varios países lusófonos reuníronse en Praia, Cabo Verde, para crear o Grupo Multilateral de Reflexión que ten por obxectivo promover unha xestión máis multilateral da lingua portuguesa.

    Fonte: Expresso das Ilhas

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder