A Deputación Foral de Biscaia entregou os Premios Lauaxeta 2024. A Fundación Labayru recibiu o Premio Honorífico pola súa contribución ao estudo e promoción do éuscaro e da cultura vasca desde 1977. Na categoría de poesía, Harkaitz Cano foi premiado por un poemario que explora os límites da linguaxe, mentres que Oihane Zuberoa destacou cunha obra que combina mitos, memoria e reflexión filosófica.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Gabinete de Normalización Lingüística de Alcoi abriu o prazo de inscrición para os seus cursos de valenciano, que este ano inclúen o nivel A2 pola súa crecente demanda. Os cursos, dirixidos inicialmente ao funcionariado pero abertos tamén á cidadanía, buscan fomentar o uso correcto do valenciano e sensibilizar sobre a emerxencia lingüística que afecta especialmente á transmisión xeracional en Alcoi.
Centos de profesionais das industrias culturais galegas e público xeral danse cita en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que acaba de abrir as portas da súa 17ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, interveu na inauguración do encontro, onde reafirmou o compromiso da Xunta co impulso á produción cultural galega e en galego, así como con este grande evento anual do sector, do que continúa a ser a principal entidade patrocinadora.
A cidade de Dili, en Timor Leste, acolle a celebración do Festival de Cinema da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Un dos obxectivos é difundir o cinema en lingua portuguesa no país asiático.
Fonte: Sapo
O embaixador italiano en Trípoli e o ministro de Educación inauguraron nunha escola da capital a introdución do ensino da lingua italiana nas escolas públicas libias.
Fonte: Ansa English
A Mancomunidade de Durangaldea presentou as novidades do proxecto Landue, que busca promover o éuscaro no ámbito socioeconómico da comarca, coa incorporación de 15 novas empresas e a adhesión de todos os centros de Formación Profesional. Este proxecto, que xa conta con 38 empresas participantes, fomenta a normalización do uso desta lingua en distintos sectores, incluíndo as prácticas profesionais.
A partir de xaneiro de 2026, as emisoras de radio musicais en Cataluña deberán emitir polo menos un 25 % de música en catalán ou aranés, tal como establece a Lei de política lingüística. O Consello Audiovisual de Cataluña (CAC) aprobou esta medida, que contará cun período transitorio durante 2025 para que as emisoras adapten progresivamente a súa programación. Esta normativa busca garantir unha maior presenza da música producida por artistas cataláns.
A plataforma de mensaxes curtas Bluesky xa está dispoñible en galego desde o 28 de novembro. A tradución foi posible grazas ao traballo colaborativo de Carlos Vieito, Alexandre Espinosa e Xurxo GP. Agora, as persoas usuarias poden configurar a súa conta en galego accedendo a "axustes" e seleccionando o idioma. A aplicación de Bluesky en galego xa está dispoñible para Android, e a versión para iOS chegará proximamente.
Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, está creada por Laura e Andrés Mahía. Dirixida aos máis pequenos, presenta a historia de catro paxariños que viven aventuras baseadas nos ciclos naturais do bosque. A serie, que consta de 55 episodios de 5 minutos, inclúe cancións orixinais compostas por Santi Jul e Iván Laxe, que estarán dispoñibles nas principais plataformas de audio. A súa emisión comeza o venres 29 de novembro en xabarin.gal e na súa app móbil.
A Academia Internacional Rei Salman para a Lingua Árabe desenvolveu unha ferramenta dixital sobre esta lingua co obxectivo de protexer e promover o seu importante patrimonio lingüístico.
Fonte: TV Brics
Boletín
Subscríbase ao boletín


