Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de novembro de 2024

    Unhas escavacións arqueolóxicas en Xeorxia sacaron á luz unha táboa de basalto cunhas inscricións da Idade de Bronce nunha lingua descoñecida. Este achado podería revelar aspectos descoñecidos das antigas civilizacións do Cáucaso.

    Fonte: La Brújula Verde

    26 de novembro de 2024

    O País de Gales vai ser a primeira nación do Reino Unido que introduza unha taxa turística en todo o seu territorio. O novo imposto espérase que sirva para protexer e promover a lingua galesa en todo o país, sobre todo nas zonas onde é o primeiro idioma da poboación.

    Fonte: Euronews

    26 de novembro de 2024

    A Deputación Foral de Áraba destinará 190 000 euros a 38 concellos e 5 cuadrillas para apoiar 124 proxectos que promovan a socialización en éuscaro. As axudas abarcan actividades de lecer, deporte, cultura e xuventude, así como iniciativas nos euskaltegis, co obxectivo de fortalecer o uso e a transmisión desta lingua. Estes programas buscan crear condicións para garantir oportunidades de vivir en éuscaro en todo o territorio histórico.

    26 de novembro de 2024

    A campaña «21 días. De entrada, fala en catalán», presentada en rolda de prensa, busca fomentar o uso inicial do catalán e combater o cambio de lingua por prexuízos. Proponse un reto de tres semanas para animar a cidadanía a empregalo en interaccións cotiás. Ademais, anunciouse que se presentarán proximamente os resultados do estudo Ofercat sobre o uso do catalán no comercio, a hostalería e os servizos, xunto cos plans de acción para 2024.

    26 de novembro de 2024

    O Primeiro Dicionario de Medicina Ilustrado, creado pola Universidade Pompeu Fabra, conta agora cunha versión galega grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e do alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago, que gravou as definicións. O proxecto Diximed, dispoñible en formato virtual, facilita a comprensión de conceptos médicos para nenas e nenos, a través da combinación de linguaxe accesible, debuxos e gravacións.

    26 de novembro de 2024

    O Premio “A lingua, arte da túa terra”, convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo, recoñecerá proxectos finais que promovan a lingua e a cultura galegas cun galardón de 200 € para cada categoría (Ciclos Formativos e Estudos Superiores). Os proxectos, que deberán estar realizados en galego, poden entregarse ata o 30 de xuño.

    25 de novembro de 2024

    O Goberno de Corea do Sur intensificará o ensino da lingua coreana nas escolas internacionais de educación primaria e secundaria, respondendo ao crecente interese por este idioma a nivel mundial.

    Fonte: The Korea Bizwire

    25 de novembro de 2024

    O Comité de Ministros do Consello de Europa pediu a España que permita realizar procedementos xudiciais en linguas oficiais diferentes do castelán se unha das partes o solicita.

    Fonte: Diari de la Llengua

     

    25 de novembro de 2024

    A comunidade eusGara, composta por 33 empresas, continúa crecendo e promovendo o uso do éuscaro no ámbito laboral de Arratia. Este ano, catro novas entidades comprometéronse a incrementar o uso da lingua grazas ao apoio do servizo lingüístico gratuíto ofrecido pola fundación Errota, coa colaboración das administracións locais, a Deputación Foral de Biscaia e o Goberno vasco. O proxecto destaca o valor do éuscaro como elemento de competitividade empresarial e identidade cultural.

    25 de novembro de 2024

    En 2024, o Departamento de Política Lingüística apoiou a tradución de 164 obras non literarias ao catalán, un aumento respecto a anos anteriores, cun investimento de 534 131,92 €. O inglés foi a lingua máis traducida, seguido do alemán e o francés, o que reflicte unha aposta crecente pola diversidade lingüística. Desde 2022, as subvencións para tradución incrementaron significativamente e mostran a importancia do catalán no ámbito editorial.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder