A Xunta propón a creación de once comisións de traballo que abranguen moi diversos eidos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega. Así llelo presentou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes dos grupos parlamentarios cos que se reuniu de novo para continuar as conversas de cara a acadar un Pacto pola Lingua.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Concello de Durango aprobou o Plan de Acción para o Fomento do Éuscaro AROA 2025-2028, cun total de 140 accións distribuídas en sete grandes eixes, entre os que se inclúen gobernanza, motivación, coñecemento, uso e innovación. O plan busca promover o uso desta lingua en ámbitos como o deporte, o comercio, a educación e a integración das persoas inmigrantes, e fomentar así a cohesión social e a diversidade lingüística.
A Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense celebrou a Festa da Lingua para reivindicar o uso do galego, con motivo de recibir o Distintivo Gal Ego 2023. O acto destacou a importancia de promover esta lingua para frear a perda de falantes. A celebración incluíu actuacións musicais, debates sobre o idioma e a participación de figuras públicas como Xosé A. Touriñán.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou “a contribución ao prestixio e á produción poética en galego” que representan os Premios de Poesía Afundación, promovidos desde hai máis de vinte anos por esta institución, pola Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia.
O Institut d’Estudis Catalans actualizou o Diccionari de la llengua catalana (DIEC) con 87 novas entradas e 289 modificacións ou ampliacións. Entre as novidades destacan palabras como autocaravana, batucada ou pàdel, así como variantes territoriais para mellorar a representación xeográfica do catalán. Tamén se revisaron definicións como a de ecològic, engadíronse novas acepcións en termos tecnolóxicos e ampliáronse conceptos como cònjuge ou malla.
Ludimila Correia, unha emigrante de Cabo Verde que vive en Portugal desde hai 19 anos, creou a primeira axenda en lingua caboverdiana cun deseño inspirado en símbolos tradicionais de todas as illas do arquipélago.
Fonte: Balai
O Tribunal Administrativo de Apelación de Bastia confirmou a prohibición do uso do corso na Asemblea de Córsega. As institucións da illa recorrerán a decisión no Consello de Estado e nos tribunais europeos e internacionais.
Fonte: Diari de la Llengua
O Departamento de Política Lingüística de Cataluña creou un buscador para consultar estudos sobre o catalán e o aranés realizados desde 2001. A ferramenta permite buscar por ano, ámbito ou palabras clave, e ofrece acceso a materiais como artigos, vídeos e notas de prensa. Ademais, mellorouse a visualización dos indicadores lingüísticos e datos do proxecto Ofercat, con ferramentas interactivas que inclúen gráficos e mapas.
A Universidade de Barcelona convoca a cuarta edición dos Premios Antoni M. Badia i Margarit para recoñecer as mellores teses de doutoramento redactadas en catalán. Os premios inclúen catro modalidades e están dotados con 1600 euros por tese gañadora, ademais de mencións honoríficas.
Fonte: Universitat de Barcelona
A campaña para elixir a Palabra do Ano 2024, promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, xa está en marcha. A cidadanía pode enviar as súas propostas ata o 8 de decembro, data tras a cal seleccionarán as finalistas para unha votación popular entre o 11 e o 25 de decembro. A iniciativa busca destacar vocábulos que reflictan os temas destacados deste ano.
Boletín
Subscríbase ao boletín

