Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de novembro de 2024

    A Universidade de Vigo retomou o programa Tándem Lingüístico, unha iniciativa que promove o intercambio de linguas entre a comunidade universitaria e o alumnado estranxeiro e que ofrece neste curso unha trintena de idiomas. O obxectivo é facilitar a práctica de linguas e fomentar a diversidade cultural mediante conversas informais.

    20 de novembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, achegouse á Estrada para acompañar a veciñanza na xornada de captación de voces no marco do Proxecto Nós levada a cabo pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Universidade de Santiago, para fomentar o uso do galego en espazos dixitais. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Proxecto Nós que ten por obxectivo recoller as diferentes variedades fonéticas e dialectais de Galicia.

    19 de novembro de 2024

    Un grupo de defensores da lingua galesa púxose en contacto co ministro principal de Gales, Mark Drakeford, para lle solicitar que restableza as axudas ao sector editorial.

    Fonte: Nation Cymru

    19 de novembro de 2024

    O Ministerio de Educación de Romanía confirmou que o romanés será incluído na oferta de cursos da Universidade de Cambridge a partir do próximo ano académico.

    Fonte: Romania Insider

    19 de novembro de 2024

    O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou unha queixa ante o Procurador do Común de Castela e León denunciando a marxinación do galego por parte da Deputación de León e do Instituto Leonés de Cultura. Critican a ausencia de apoio institucional á lingua galega en publicacións, actividades culturais e sinalización, malia estar recoñecida polo Estatuto de Autonomía e normativas internacionais.

    19 de novembro de 2024

    Un estudo revela que o castelán é a lingua predominante nas interaccións sociais en Cataluña, pois emprégase no 51 % das conversas, fronte ao 42 % en catalán, e a porcentaxe de uso empeora entre a xente nova e nos homes. Así mesmo, o 40 % da cidadanía considera que é unha lingua ameazada. Ademais, un terzo dos seus falantes afirma non poder usalo en todos os ámbitos da súa vida e mostra unha preferencia maioritaria polo castelán en situacións formais ou con persoas descoñecidas.

    19 de novembro de 2024

    Membros de diferentes colectivos reuníronse na compostelá praza da Quintana para denunciar a grave situación do galego, que definiron como "emerxencia lingüística extrema". Convocada pola plataforma Queremos Galego, a protesta subliñou a necesidade de mudanzas urxentes para garantir o futuro da lingua. Ademais, anunciaron unha nova mobilización na praza do Obradoiro o 23 de febreiro.

    19 de novembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta novena edición.

    19 de novembro de 2024

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 da Coruña veñen de convocar a V Residencia Xacobeo para persoas tradutoras de literatura galega, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no exterior.

    18 de novembro de 2024

    Arabia Saudita vai ampliar o número de centros escolares que imparten chinés grazas á creación de 800 novos postos docentes.

    Fonte: Middle East Monitor

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder