Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de novembro de 2024

    As probas de diagnóstico realizadas pola Consellería de Educación en maio revelan un preocupante descenso nas competencias lingüísticas do alumnado de segundo da ESO en Menorca, especialmente en catalán, xa que só o 66 % alcanzou os coñecementos mínimos, fronte ao 81 % en 2016-2017. A baixada tamén afecta o castelán, cunha redución de 7 puntos, atribuída a factores como a pandemia, o uso de pantallas e a nova lei educativa.

    13 de novembro de 2024

    A Generalitat de Cataluña e o Conselh Generau d’Aran acordaron reforzar a colaboración para protexer e promover o aranés e exploraron o traspaso de competencias lingüísticas á comarca. Trataron a creación de equipos especializados e o impulso de políticas adaptadas, así como medidas para aumentar a presenza do aranés nos medios e mellorar a formación de docentes.

    13 de novembro de 2024

    O libro A fala de Vigo de Xosé-Henrique Costas, presentado co apoio da Universidade de Vigo, reivindica o uso do galego nas parroquias da cidade e sinala o seu léxico e particularidades fonéticas. A obra documenta refráns, expresións e vocabulario específicos do galego local con influencias variadas.

    12 de novembro de 2024

    A doutora Anghard Naylor será a nova decana para a Lingua Galesa da Universidade de Cardiff. A académica será a encargada de promover e fomentar o uso da lingua vernácula na universidade e de levar adiante a nova Estratexia pola Lingua Galesa "Yr Alwad".

    Fonte: Cardiff University / Prifysgol Caerdydd

    12 de novembro de 2024

    As autoridades lexislativas de Rusia están a valorar introducir a obrigatoriedade de que os fillos e fillas de familias migrantes realicen unha proba de nivel de ruso para poder matricularse nas escolas.

    Fonte: Meduza

    12 de novembro de 2024

    Os conselleiros de Educación e Política Lingüística subliñaron a importancia do profesorado como modelo lingüístico para o alumnado de secundaria durante a xornada sobre a xestión lingüística na formación docente. Ambos destacaron a necesidade de proporcionarlles aos docentes as ferramentas e formación necesarias para xestionar aulas diversas e fomentar o uso das linguas.

    12 de novembro de 2024

    Os cemiterios de Parderrubias (A Merca) e Mourillós (Celanova) acolleron a xornada “En galego, agora e sempre” para reivindicar a memoria lingüística de Galicia, na que se destacou a incoherencia de usar o castelán en lápidas de comunidades galegofalantes e subliñaron a importancia de epitafios personalizados.

    12 de novembro de 2024

    Un estudo da Universidade de Barcelona, en colaboración coa UGT de Cataluña, analizou as dinámicas lingüísticas nos centros de traballo da comunidade. Entre as conclusións, destaca que o 85 % dos delegados sindicais usa o catalán ou que existen variacións significativas por territorios e sectores, xa que o castelán é máis frecuente en zonas de alta inmigración. O informe subliña a necesidade de formación en catalán para reducir desigualdades e fomentar a integración lingüística.

    12 de novembro de 2024

    A presidenta do Consello da Cultura Galega anunciou a organización dun foro participativo para 2025, no que se debaterán cuestións sociais e iniciativas da sociedade civil en relación coa lingua. Este foro busca artellar solucións conxuntas para reforzar o uso do galego en diferentes ámbitos. A presidenta subliñou a relevancia de manter o tema lingüístico fóra do debate partidario, como un proxecto común.

    12 de novembro de 2024

    A Irmandade Xurídica Galega impulsará unha campaña para promover o galego como lingua de traballo nas forzas de seguridade, co apoio da Xunta e da Delegación do Goberno. Esta iniciativa, que inclúe propostas como relatos policiais en galego, busca mellorar a comunicación e fortalecer a confianza coa cidadanía.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder