Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de novembro de 2024

    A campaña ‘En valencià és més dolç’, promovida polo Concello de Burriana e outros municipios valencianos, distribuirá sobres de azucre con versos de Vicent Andrés Estellés en locais de hostalería durante novembro e decembro. Esta iniciativa busca fomentar o uso do valenciano na vida diaria e achegar a poesía á cidadanía de forma próxima e orixinal, coa integración da cultura na rutina cotiá a través da gastronomía.

    15 de novembro de 2024

    A nova Lei orgánica 5/2024 regula o dereito de defensa e garante o uso das linguas cooficiais nos tribunais e na relación coa Administración de Xustiza. As persoas poderán empregar o galego, catalán e éuscaro en procesos xudiciais estatais, como no Tribunal Supremo, e recibirán comunicacións nestas linguas. Asegúrase, ademais, a dispoñibilidade de servizos de tradución e interpretación cando sexa necesario.

    15 de novembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua vén de participar en Cataluña nunha xuntanza cos responsables de Política Lingüística das comunidades autónomas que contan cun idioma cooficial na que compartiron as diferentes medidas que están a desenvolver nos seus territorios, e na que tamén se planificaron actuacións conxuntas de fomento e impulso do multilingüismo.

    15 de novembro de 2024

    Os cambios realizados na lexislación lingüística de Eslovaquia podería prohibir o uso público das linguas minorizadas e pór en risco os dereitos dos seus falantes. Concretamente, Hungría manifestou preocupación polos dereitos da minoría lingüística maxiar afincada en Eslovaquia.

    Fonte: Euronews

    15 de novembro de 2024

    O Consello Sueco das Artes publicou a convocatoria dunhas bolsas para traducir literatura do sueco a outras linguas nórdicas.

    Fonte: Kultur Rådet 

    14 de novembro de 2024

    As sete asociacións que compoñen a Mesa do Audiovisual Galego emitiron un comunicado no que alertan sobre a situación do galego no sector audiovisual. Subliñan a importancia deste medio para difundir a lingua entre a sociedade, especialmente entre a xente nova, e urxen ás administracións a promover a produción e distribución de contidos en galego.

    14 de novembro de 2024

    Akebai organizou sesións de sensibilización sobre a importancia do éuscaro no deporte, nas que participaron máis de 50 adestradoras e adestradores, así como alumnado de Ensinanza e Animación Social e Deportiva da Uni Eibar-Ermua. Nas formacións abordáronse exemplos e recomendacións para normalizar o uso do idioma nas actividades deportivas.

    13 de novembro de 2024

    O Departamento de Política Lingüística do Goberno de Andorra iniciou unha campaña para difundir entre a cidadanía a nova lei da lingua propia e oficial aprobada recentemente.

    Fonte: Diari de la Llengua

    13 de novembro de 2024

    O presidente de Cabo Verde, José Maria Neves, confía en que, con motivo do cincuenta aniversario da independencia do arquipélago, se oficialice o crioulo caboverdiano como idioma oficial xunto ao portugués.

    Fonte: DW

    13 de novembro de 2024

    O Goberno vasco e o ICAA asinaron un convenio para impulsar a produción, distribución e exhibición do audiovisual en éuscaro, con transferencia de máis dun millón de euros. Este fondo vincúlase á convocatoria de axudas do Departamento de Cultura, que aumentou significativamente a súa dotación para apoiar obras innovadoras e internacionais, incluíndo series en éuscaro. O acordo culmina as negociacións iniciadas en 2019 para reforzar o sector audiovisual na lingua propia.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder