Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de novembro de 2024

    O Brasil é o país líder na industria do audio en lingua portuguesa, segundo un mapa publicado por unha plataforma especializada en tendencias da economía dixital. O seu liderado destácase especialmente na produción e consumo de podcasts e audiolibros.

    Fonte: Publishnews

    08 de novembro de 2024

    O 5 de novembro, o Brasil celebra o seu Día Nacional da Lingua Portuguesa. A data foi escollida por ser o aniversario do escritor Ruy Barbosa, un dos grandes estudosos e defensores da lingua.

    Fonte: Mídia Sudoeste 

    08 de novembro de 2024

    As autoridades eslovenas anunciaron que as persoas que desexen obter o permiso de residencia permanente no país deberán, a partir de agora, certificar os seus coñecementos básicos de lingua eslovena.

    Fonte: Schengen News

    08 de novembro de 2024

    A Deputación Foral de Biscaia presentou un orzamento de 67,58 millóns de euros para o departamento de Éuscaro, Cultura e Deportes, que supón un incremento do 2,13 % para o 2025. Entre as prioridades figura fomentar o uso do éuscaro polo que se destinarán á normalización desta lingua 8,48 millóns.

    08 de novembro de 2024

    O conselleiro de Política Lingüística de Cataluña presentou a terceira edición de SAGA, o salón do gaming en catalán, que ten lugar en L'Hospitalet de Llobregat ata o 1 de decembro. O evento incluirá competicións, talleres, charlas sobre intelixencia artificial e un día familiar. Esta edición tamén lles dará máis visibilidade aos Premios SAGA, que recoñecen os mellores videoxogos en catalán.

    08 de novembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo un encontro co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, para abordar distintos asuntos que teñen que ver coas súas competencias, entre eles cuestións relacionadas coa conservación do patrimonio e as posibles propostas para favorecer a presenza do galego na Igrexa.

    08 de novembro de 2024

    A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reafirmou no Parlamento o apoio da Xunta ao fomento do ensino do portugués en Galicia, un compromiso reflectido no crecemento de estudantes. Nos últimos 10 anos, o número de alumnos de portugués multiplicouse por catro, acadando neste curso un total de 4513 estudantes de 77 centros.

    08 de novembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu o valor das redes sociais como “ferramentas imprescindibles” para facilitar a accesibilidade e divulgación de contidos culturais. Ademais, avogou por tirar proveito das mesmas para “prestixiar e potenciar o uso do galego” entre as persoas usuarias destas plataformas, especialmente, as xeracións máis novas.

    07 de novembro de 2024

    A Universidade do País Vasco iniciou en Durango un estudo pioneiro para investigar como o uso do éuscaro e o bilingüismo inflúen nas capacidades cognitivas das persoas maiores de 60 anos durante o envellecemento. A investigación, que conta co apoio do Concello de Durango e da asociación Berbaro, incluirá probas cognitivas e actividades lingüísticas.

    07 de novembro de 2024

    O Goberno de Navarra aprobou un novo decreto foral que regula a valoración dos méritos lingüísticos no acceso a postos na Administración. Así, a análise individual de cada convocatoria determinará a relevancia do éuscaro e de linguas comunitarias. O decreto amplía a posibilidade de valorar o éuscaro Zona Mixta só cando estea xustificado polas características do posto, mentres que na Zona non Vascófona non se valorará.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder