O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou, na súa visita á Casa de Galicia en Madrid, que o vindeiro 2025 a capital española acollerá as probas para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Un grupo de lingüistas suecos defende a oficialización e recoñecemento do idioma elfdaliano, falado por unhas 2500 persoas en Älvdalen, na rexión sueca de Dalarna. Os esforzos para revitalizalo inclúen, ademais de incrementar o seu status, a publicación de libros de literatura infantil, a estandarización de vocabulario e a sinalización en espazos públicos, así como cursos en escolas locais.
Fonte: El Imparcial
Como cada 5 de novembro, o mundo celebra o Día Internacional da Lingua Romaní, efeméride marcada pola Conferencia Xeral da UNESCO para fomentar a preservación da lingua e cultura romanís.
Fonte: Radio Ciudad del Mar
O xornal Ara lanza o suplemento en papel Capficat, un caderno semanal de oito páxinas con xogos en catalán, que aparecerá cada sábado co diario. A iniciativa inclúe encrucillados, sopas de letras e xogos que fomentan o dominio da lingua. Ademais de entreter, Capficat engade elementos de cultura xeral e creación artística aos pasatempos, cun deseño e enfoque novidosos que conectan coa actualidade.
A Universidade de Vigo celebrará o Día da Ciencia en galego durante o mes de novembro con diversas actividades que subliñan a importancia do idioma no ámbito científico. Entre as iniciativas, destacan as charlas de influencers galegos nas redes sociais (como Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez) que difunden contidos en galego. Ademais, lanzarase un minidicionario científico-técnico en galego e desenvolveranse proxectos en centros educativos para promover o uso da lingua na ciencia.
A XI edición da Viquillengua, que se celebra do 8 e o 15 de novembro, estará dedicada á radio en catalán para conmemorar o seu centenario. Coordinado polo Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña xunto con outras entidades, o evento promove a edición e a ampliación de contidos sobre a radio na Viquipèdia en catalán, tanto en liña como en actividades presenciais en varios lugares.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da Cátedra Institucional Castelao que impulsa a Universidade de Santiago de Compostela, onde puxo en valor a contribución que fan á cultura galega os estudos de persoeiros senlleiros da historia de Galicia.
Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantiveron un encontro para abordar medidas de impulso do galego no ámbito sanitario. Así, a reunión supuxo unha primeira toma de contacto no marco das iniciativas transversais que a Xunta de Galicia propón para dinamizar a lingua a través de distintos eidos.
Segundo un informe elaborado polo comisario da Lingua Francesa na provincia canadense do Quebec, Benoît Dubreuil, o francés está a sufrir un retroceso en todos os ámbitos da vida social quebequesa desde o ano 2000.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín




