Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de marzo de 2011

    A pesar da suba das cifras do desemprego en Europa e no Reino Unido despois da recesión europea en 2009, a demanda de empregos plurilingües segue a florecer no Reino Unido, tal como indicou Top Language Jobs, a maior plataforma electrónica europea de busca de emprego para candidatos bilingües e plurilingües.

    Fonte: Benzinga

    04 de marzo de 2011

    O presidente da Asemblea das Primeiras Nacións de Canadá, Shawn Atleo, reclamou apoio ao país e aos canadenses para revitalizar as linguas indíxenas. "Como linguas orixinarias desta terra, as linguas indíxenas requiren dun investimento importante que debe ser comparable ao que se lles dá ás dúas linguas oficiais de Canadá", afirmou Shawn Atleo con ocasión do Día Internacional da Lingua Materna.

    Fonte: Wawatay News

    04 de marzo de 2011

    Físicos e matemáticos da Universidade de Santiago de Compostela invalidan a teoría de que unha lingua máis forte acabará por suprimir inevitablemente unha lingua máis feble en países bilingües. Os investigadores basearon a súa análise nas pautas dos falantes de galego e castelán na comunidade autónoma de Galicia.

    Fonte: Wales Online

    04 de marzo de 2011

    O Tribunal Superior de Xustiza (TSX) da Comunidade Valenciana determinou nunha sentenza que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Castellón non poderá obrigar os usuarios falantes de valenciano a enviar os seus textos tamén en castelán.

    Fonte: Europa Press

    03 de marzo de 2011

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou o Instituto Cañada Blanch de Londres, onde impartiu unha aula sobre lingua galega para alumnado de 1º e 2º da ESO. Durante o encontro cos estudantes, o secretario xeral tivo ocasión de presentarlles a situación actual da lingua galega no marco plurilingüe do Estado español.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de marzo de 2011

    A retransmisión dos actos oficiais da xornada que celebra a identidade andaluza por parte de Canal Sur contou coa presenza dun grupo de intérpretes da Federación Andaluza de Asociacións de Persoas Xordas (FAAS) que fixeron que todos os contidos da xornada fosen accesibles ás persoas xordas

    Fonte: Diario Signo

    03 de marzo de 2011

    O alumnado que curse un ciclo formativo de grao medio ou un ciclo formativo de grao superior en Cataluña deberá acreditar un nivel mínimo dunha terceira lingua ao rematar os seus estudos. O idioma, xeralmente inglés, estará adaptado á súa rama de especialización.

    Fonte: Educaweb.com

    03 de marzo de 2011

    A Xunta de Galicia apoiará a creación dun observatorio da lingua galega para o deporte. Trátase dunha iniciativa auspiciada pola Fundación Azkar e polo club Azkar Lugo FS que vai ser coordinada polo Goberno galego a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral para o Deporte e que conta co apoio da Real Academia Galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de marzo de 2011

    O programa Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, completa esta semana 500 actividades realizadas por toda Galicia desde que comezou a súa nova andaina.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de marzo de 2011

    A ensinanza e aprendizaxe das habilidades lingüísticas e o uso oral son as protagonistas do VI Seminario de Dinamización Lingüística, unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer o intercambio e a posta en común de experiencias normalizadoras no ámbito do ensino primario e secundario.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder