Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de agosto de 2010

    O Bloque Nacionalista Galego critica que o Instituto Nacional de Estatística (INE) non permita cubrir por internet unha enquisa remitida a empresas sobre o uso de tecnoloxías, xa que ‘as opcións de cobertura son soamente en castelán e catalán’.

    Fonte: A Nosa Terra

    23 de agosto de 2010

    O valedor do Pobo valenciano (Síndic de Greuges), José Cholbi, reprendeu a Generalitat por vulnerar a Lei de uso e ensino do valenciano nunha queixa por discriminación lingüística. O valedor recordoulle ao Goberno que o Estatuto o obriga a "respectar e protexer a recuperación do valenciano".

    Fonte: Levante

    23 de agosto de 2010

    O Goberno federal atópase nunha situación desesperada para salvar da posible extinción máis de 500 linguas indíxenas faladas en distintos lugares de Nixeria. O predominio da cultura occidental na vida cotiá do nixeriano medio está a afectar a competencia oral dos usuarios de linguas maternas.

    Fonte: Sunday Tribune

    23 de agosto de 2010

    Sete de cada dez alumnos asturianos menores de seis anos xa estudan unha lingua estranxeira no colexio. Os centros asturianos só ofrecen inglés, pero outras rexións tamén teñen francés e alemán.

    Fonte: La Voz de Asturias

    23 de agosto de 2010

    Unha enquisa realizada en Nova Zelandia revelou que a xente nova amosa un apoio firme ao ensino obrigatorio do maorí. Máis dun terzo dos enquisados que apoia as clases obrigatorias desta lingua tiña menos de 35 anos.

    Fonte: Australia Network News

    23 de agosto de 2010

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de asinar catro convenios coa Real Academia Galega (RAG) co fin de contribuír ao desenvolvemento dos proxectos que actualmente ten en marcha esta entidade.

    Fonte: Xunta de Galicia

    20 de agosto de 2010

    Aproximadamente 40 millóns de persoas aprenden mandarín fóra de China, segundo afirmou o director dunha organización que promove a lingua e a cultura chinesas.

    Fonte: China Daily

    20 de agosto de 2010

    Os inmigrantes que queiran vivir en Canadá terán que pasar agora un novo exame de lingua inglesa para comprobar que as súas competencias lingüísticas son suficientes. O ministro de Cidadanía e Inmigración, Jason Kenney, afirmou que se lles denegará a entrada en Canadá ás persoas que soliciten un visado e non realicen o exame.

    Fonte: Global Visas

    19 de agosto de 2010

    A Secretaría de Desenvolvemento Rural e Equidade para as Comunidades (Sederec) traduciu 32 documentos oficiais, entre programas, leis e folletos, ao náhuatl, como parte das accións para preservar a lingua e facilitarlles aos falantes o acceso á información pública.

    Fonte: El Universal

    19 de agosto de 2010

    O Goberno indio afirmou que está destinando fondos a protexer as linguas tradicionais das minorías. O ministro de Asuntos das Minorías informou de que o Instituto Central das Linguas Indias, Mysore, conta con varios programas para a recollida de datos, a descrición, a documentación e a produción de materiais nalgunhas destas linguas.

    Fonte: Web Newswire

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder