Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de febreiro de 2011

    Unha trintena de entidades cívicas e educativas promove accións conxuntas a favor da escola catalá. A macroasociación xa redactou un manifesto no que salienta a importancia cultural, lingüística e social do catalán como lingua vehicular no ensino.

    Fonte: Avui

    17 de febreiro de 2011

    ‘Batería de avaliación da competencia na linguaxe escrita en galego e castelán’ é o nome do proxecto impulsado polo grupo de investigación Optimización das Linguaxes Múltiples da Universidade de Santiago de Compostela, que acaba de presentar as ferramentas para avaliar e detectar as competencias lingüísticas dos escolares de educación primaria.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    17 de febreiro de 2011

    O Concello de Narón pon en marcha o programa As palabras do galego, no que invitan os veciños a enviar ao Servizo de Normalización Lingüística a palabra que consideren máis curiosa.

    Fonte: La Voz de Galicia

    16 de febreiro de 2011

    Microsoft lanzou o sistema operativo Windows 7 en suahili co obxectivo de que máis de 150 millóns de falantes desta lingua, tanto en Kenya como noutros países de África, poidan ter acceso a unha gama máis ampla dos seus produtos informáticos na súa lingua.

    Fonte: Mwakilishi.com

    16 de febreiro de 2011

    O Concello de Bilbao impulsa o uso do éuscaro fóra dos centros escolares con obradoiros impartidos por varios dos xogadores e xogadoras do Athletic Club.

    Fonte: El Mundo

    16 de febreiro de 2011

    O sábado 26 de febreiro realizarase en Tapia a primeira proba de coñecemento de galego-asturiano. A Academia da Lingua Asturiana responde así ao interese da cidadanía da zona pola celebración deste exame escrito e oral.

    Fonte: Asturies

    16 de febreiro de 2011

    O Consello de Ministros da Unión Europea aprobou a creación dun novo sistema de patentes unificado que simplifica o réxime lingüístico para reducir custos e limítao só a tres linguas: inglés, francés e alemán. A decisión adoptouse por maioría cualificada, cos únicos votos en contra de España e Italia, que consideran as súas linguas discriminadas inxustamente.

    Fonte: El Periódico

    16 de febreiro de 2011

    O director do Instituto Castelán e Leonés da Lingua, Gonzalo Santonja, e o reitor da Universidade de Burgos, Alfonso Murillo, asinaron un convenio de colaboración para a creación dunha bolsa de emprego destinada a profesores de español para estranxeiros.

    Fonte: Europa Press

    15 de febreiro de 2011

    Expertos chegados de todos os puntos do territorio federal de Nunavut (Canadá) reuníronse en Iqaluit para debater acerca do espiñoso problema ao que lingüistas e educadores se levan enfrontado durante máis de medio século: como crear unha norma da lingua inuit que poida ser comprendida en todas as rexións do territorio.

    Fonte: The Vancouver Sun

    15 de febreiro de 2011

    As autoridades chinesas prevén a posta en marcha do primeiro exame de nivel para certos estudantes e traballadores da lingua da etnia zhuang, a segunda maior do país tras os Han. A Comisión Estatal de Asuntos Étnicos afirmou que a medida ten por obxecto promover o uso desta lingua que, a diferenza doutras linguas de grupos étnicos minoritarios, segue a ser de uso corrente e estendido.

    Fonte: People's Daily Online

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder