Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de febreiro de 2011

    O Partido do Desenvolvemento das Nacionalidades de Rakhine (RNDP), en Myanmar, unha formación política vencedora nas últimas eleccións do estado de Aracán, solicitará no Parlamento do Estado que os alumnos do ensino primario teñan a oportunidade de aprender a lingua aracanesa.

    Fonte: Narinjara

    11 de febreiro de 2011

    Grazas a programas indíxenas de inmersión lingüística como o ‘Aha Pūnana Leo, a lingua hawaiana xa non se atopa en perigo de desaparición. Hai tan só trinta anos, a morte desta lingua era unha preocupación real para moitos. Hoxe en día, cada vez máis familias falan hawaiano na casa e miles de estudantes, tanto do ensino primario como do secundario, infundiron un sopro de vida á lingua. Por outra banda, os expertos ven a Hawai como un dos mellores exemplos de recuperación lingüística.

    11 de febreiro de 2011

    O Goberno de Xeorxia contratou un equipo de docentes nativos de lingua inglesa para introducir o inglés como primeira lingua estranxeira do país. O obxectivo é levar o inglés aos mesmos niveis de uso que ten en países como Suecia e, no proceso, substituír o ruso como segunda lingua dominante do sistema educativo.

    Fonte: Yahoo Brasil Notícias

    11 de febreiro de 2011

    A implantación da lingua catalá nos teléfonos móbiles mellorou nos últimos anos e a maioría de terminais xa a incorpora nos seus menús, aínda que, por outro lado, as operadoras suspenden á hora de atender os seus clientes en catalán, segundo revela un estudo da Plataforma pola Lingua Catalá.

    Fonte: ABC

    11 de febreiro de 2011

    Algúns dos idiomas que se ensinan na Universidade de Granada son o neerlandés, o alemán, o ruso ou o hebreo clásico. Porén, o que a diferencia das demais é que é a única de Andalucía que ofrece a posibilidade de aprender catalán e galego. Ademais, a Universidade de Granada é a única universidade española na que se pode estudar árabe como primeira opción lingüística.

    Fonte: El Ideal

    11 de febreiro de 2011

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou en Lalín os obradoiros Galimatías, unha actividade encadrada no programa de dinamización lingüística Bocaberta que lles brinda aos máis novos a oportunidade de descubrir os trucos do oficio de debuxante.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de febreiro de 2011

    O Goberno vasco puxo en marcha o programa Bularretik mintzora (“do peito á fala”) co obxectivo de sensibilizar os pais sobre a importancia da lectura en éuscaro desde a primeira infancia.

    Fonte: El País

    10 de febreiro de 2011

    A conselleira de Educación, Cultura e Deportes do Goberno de Canarias, Milagros Luis Brito, admitiu que as illas “están fóra de prazo” para lograr o obxectivo imposto pola Unión Europea para que nos Estados membros se falen “dúas linguas máis unha”.

    Fonte: Europa Press

    10 de febreiro de 2011

    Segundo unha enquisa elaborada na República de Irlanda por Comhar na Muinteoirí Gaeilge, o consello directivo da comunidade de lingua irlandesa, un 61 % dos participantes manifestouse a favor da obrigatoriedade do irlandés nas escolas. Este estudo realizouse despois de que o líder do partido Fine Gael, Enda Kenny, afirmase que acabaría coa obrigatoriedade da lingua no ensino no caso de que chegase ao poder.

    Fonte: Newstalk

    09 de febreiro de 2011

    A crecente falta de habilidades lingüísticas entre a mocidade británica repercutirá na economía do país a non ser que se tomen medidas de inmediato, advertiu a Academia Británica, o organismo nacional do Reino Unido especializado nas humanidades e nas ciencias sociais. Nun novo informe, a academia fai un chamamento ás universidades para que animen os estudantes tanto das escolas como das universidades a estudar linguas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder