Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xaneiro de 2011

    O líder do partido de Jharkhand Disom na India reclamou o recoñecemento do santali como primeira lingua no estado de Jharkhand, no leste do país. Ademais, engadiu que noutros estados indios a lingua santali conta cun bo número de falantes, polo que debería recibir o status de segunda lingua nos estados respectivos conforme ao artigo 347 da Constitución da India.

    Fonte: The Times of India

    31 de xaneiro de 2011

    A Dirección Rexional de Educación do departamento peruano de Puno organizou o Foro Rexional sobre Políticas Lingüísticas para a Rexión de Puno, onde participaron profesionais da educación bilingüe e expertos universitarios co obxecto de difundir e promover o ensino dos idiomas quechua e aimará en todo o ámbito da rexión.

    Fonte: Los Andes

    31 de xaneiro de 2011

    O Ministerio de Educación e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) abrirán o 31 de xaneiro o prazo de matrícula dos cursos de inmersión en lingua inglesa que, entre marzo e decembro de 2011, se celebrarán en dez das sedes da Universidade, entre elas Cuenca.

    Fonte: ABC

    31 de xaneiro de 2011

    A Fundación CNSE abriu a convocatoria dos seus Premios 2011. O primeiro destes galardóns é o Premio Fundación CNSE á investigación sobre a lingua de signos española, que ten como obxectivo fomentar a produción en España de traballos innovadores de investigación sobre esta lingua.

    Fonte: RRHHDigital

    31 de xaneiro de 2011

    Facilitar a aplicación dos proxectos de dinamización lingüística educativa. Ese foi o principal obxectivo das xornadas de formación que vén de organizar en Santiago de Compostela a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    31 de xaneiro de 2011

    A nova programación dos Axóuxeres inicia o seu percorrido nos concellos de Arteixo e de Miño. Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística percorrerá unha ducia de concellos das catro provincias ata o próximo mes de marzo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    30 de xaneiro de 2011

    O proxecto concibido polo lingüista salvadoreño Jorge Lemus naceu coa intención de evitar a extinción do náhuatl, unha lingua indíxena falada en Centroamérica. Na poboación salvadoreña de Santo Domingo de Guzmán abriu as súas portas unha gardería e, xunto con outras once escolas do país, arredor de 3.500 nenos reciben clases nesta lingua indíxena.

    Fonte: Vanguardia

    30 de xaneiro de 2011

    Un deputado da Asemblea Nacional de Paquistán presentou un proxecto de lei que solicita a concesión do status de lingua nacional para todas as linguas provinciais, entre as que se inclúen o baluchi, o panxabi, o sindi, o pashto, o shina, o balti e o siraiki. Posteriormente e de maneira gradual poderíanse incluír outras linguas.

    Fonte: The Express Tribune

    30 de xaneiro de 2011

    As linguas orixinarias de Centroamérica son vulnerables e corren o risco de desaparecer, advertiu a especialista do Programa de Cultura da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) Montserrat Martell, quen destacou que a rexión leva a cabo un proceso de recompilación de información sobre o seu patrimonio inmaterial.

    Fonte: European Pressphoto Agency

    29 de xaneiro de 2011

    Na cidade de Portage la Prairie, na provincia canadense de Manitoba, ofreceranse clases en michif e outras linguas indíxenas como o ojibwa e o cree. Isto non só contribuirá á educación e aprendizaxe destas linguas, senón que axudará aos pobos indíxenas a conectaren coa súa cultura e identidade.

    Fonte: The Daily Graphic

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder