Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de xuño de 2010

    Reivindicar o uso do leonés é o obxectivo do V Día da Lingua Leonesa, unha xornada que se celebrou o pasado 19 de xuño no barrio histórico de León, co fin de festexar o orgullo de ter unha lingua propia na rexión de León.

    Fonte: Diario de León

    21 de xuño de 2010

    Das 364 variantes lingüísticas indíxenas que existen en México, o dez por cento está en risco de desaparecer debido á discriminación que sofren os membros destas comunidades, segundo fontes oficiais.

    Fonte: EFE

    21 de xuño de 2010

    A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o proxecto 'Abertos ao Galego', co que busca crear unha rede de empresas que aposten pola lingua galega. Esta iniciativa arranca con 62 empresas e está aberta a todos os que o desexen, e que deben cumprir tres requisitos: ter unha disposición favorable cara ao galego, propoñerse obxectivos de mellora e pagar a cota mínima de 48 euros para obter o certificado.

    Fonte: 20 minutos

    21 de xuño de 2010

    O grupo de empresas Abengoa asinou un acordo en Madrid coa Fundación do Español Urxente (Fundéu BBVA) que ten como obxecto mellorar o emprego do español nas comunicacións internas e externas desta compañía con sede en Sevilla.

    Fonte: EFE

    21 de xuño de 2010

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha durante os meses de xullo e agosto a segunda quenda de cursos preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4 do Certificado de lingua galega (Celga).

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de xuño de 2010

    A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), a través da súa delegación territorial en Galicia, continúa a impulsar a adaptación de material en lingua galega para atender as necesidades das persoas con discapacidade visual, grazas ao convenio de colaboración que vén de asinar coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    18 de xuño de 2010

    O Consello Navarro do Éucaro aprobou, a proposta do Instituto Navarro do Vasco, a creación dunha Comisión de Terminoloxía integrada polos membros do órgano asesor, así como dunha Subcomisión Técnica, formada por persoas alleas á comisión.

    Fonte: ABC

    18 de xuño de 2010

    Un total de once concellos aragoneses, entre eles os de Fraga e Lascuarre, decidiron presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de linguas por entender que, "ao facerse efectiva a cooficialidade do catalán nos seus municipios, se están invadindo competencias municipais", informa o Partido Popular.

    Fonte: Diario del Alto Aragón

    18 de xuño de 2010

    A Dirección de Educación Intercultural Bilingüe do Ministerio de Educación (Minedu) elaborou normas para dez linguas nativas -nove amazónicas e unha andina- nos últimos catro anos, o que permite que nos colexios e comunidades de once departamentos se impartan clases co uso dun alfabeto elaborado na súa propia lingua materna.

    Fonte: Andina

    18 de xuño de 2010

    A Deputación Foral de Áraba e a asociación Ziurtagiriaren Elkartea convocaron a primeira edición dos Premios Lazarraga, que teñen como finalidade premiar a entidades ou persoas do sector socioeconómico que traballan a prol da normalización do éuscaro.

    Fonte: ABC

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder