Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de febreiro de 2010

    O Parlamento vasco apoiou a reforma do currículo escolar proposta polo Departamento de Educación para eliminar a consideración do éuscaro como lingua vehicular principal do sistema educativo e delimitar a utilización do termo Euskal Herria como referencia lingüística e cultural.

    Fonte: El Correo

    26 de febreiro de 2010

    O secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, participou no acto de presentación das últimas actuacións do Goberno da Generalitat en materia de lingua occitana que se celebrou na Universidade de Barcelona.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    26 de febreiro de 2010

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, amosou todo o seu apoio cara ás iniciativas que se están a levar a cabo no ámbito socioeconómico para fomentar o uso do galego durante o encontro de empresarios do Foro Enrique Peinador, que tivo lugar o 25 de febreiro no pazo de Lestrove, en Padrón.

    Fonte: Xunta de Galicia

    25 de febreiro de 2010

    Expertos europeos reunidos nas Xornadas de análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, celebradas no Consello da Cultura Galega, afirman que España debe corrixir as severas eivas no cumprimento dos preceptos da Carta, especialmente graves nos eidos da xustiza e do ensino.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    25 de febreiro de 2010

    O catalán é un bo candidato a converterse no décimo idioma de emisión de Euronews. E facelo realidade non sería tan custoso se se puxesen de acordo Televisió de Catalunya, IB3 (a televisión de Baleares) e Canal 9 (Comunidade Valenciana). Esa é a idea que puxo sobre a mesa Philippe Cayla, presidente da canle de información multilingüe financiada polas televisións públicas europeas.

    Fonte: El Periódico

    25 de febreiro de 2010

    Hai xa dous anos, as Cortes de Castilla y León aprobaban a reforma do estatuto de autonomía, un texto no que se podía ler, no seu artigo 5.1, que o leonés «será obxecto de protección específica por parte das institucións polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da comunidade. A súa protección, uso e promoción serán obxecto de regulación». A pesar disto, e desde entón, o goberno autonómico non aprobou medida ningunha encamiñada a levar a efecto ese articulado nin dotalo de forza legal.

    25 de febreiro de 2010

    Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o pasado 21 de febreiro, o Centro Internacional para o Desenvolvemento e a Investigación de Canadá, a través de Pan Asia Networking (PAN), deu a coñecer os resultados do seu proxecto PANl10, que quere promover o uso das novas tecnoloxías en Asia nas linguas maternas do continente.

    Fonte: Linguamón

    25 de febreiro de 2010

    O Consello Xeral do Poder Xudicial alertou dos "inconvenientes" que presenta que o anteproxecto de lei do Rexistro Civil permita as inscricións "en calquera das linguas oficiais do Estado" e pide que o seu uso se circunscriba ás comunidades autónomas onde ese idioma sexa oficial.

    Fonte: Qué!

    24 de febreiro de 2010

    O Ministerio para a Educación Superior levou a cabo a primeira mesa de traballo para crear o cargo de intérprete de lingua de signos venezolana, que se deberá incluír a partir deste ano 2010 en todas as institucións de educación universitaria do país.

    Fonte: El Universal

    24 de febreiro de 2010

    Os eurodeputados cataláns farán fronte común asinando unha mesma folla de ruta para mellorar o recoñecemento da lingua catalá na Unión Europea. Será a sociedade civil e en concreto a asociación Horizonte Europa a que force a CiU, PSC, ERC e ICV a poñerse de acordo e comprometerse a dar pasos concretos para resolver neste mesmo 2010 e coincidindo coa presidencia española a situación de práctica inexistencia que padece o catalán nas institucións europeas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder