Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de febreiro de 2010

    Os tres grupos políticos do Parlamento pactaron unha resolución mediante a cal emprazan os cargos públicos da Xunta e dos seus órganos dependentes a utilizar de forma habitual a lingua galega, tanto na súa forma oral como escrita, no exercicio das súas funcións.

    Fonte: La Voz de Galicia

    19 de febreiro de 2010

    O catalán é a única lingua con máis de cinco millóns de falantes non considerada oficial no conxunto do Estado, segundo un informe da Plataforma pola Lingua, que presentou tres informes que demostran que o catalán é a lingua máis desprotexida da Unión Europea en relación co número de falantes.

    Fonte: Avui

    19 de febreiro de 2010

    Segundo as estatísticas oficiais, a India conta con 30 linguas recoñecidas oficialmente e preto de dous milleiros de dialectos que se falan ao longo de todo o seu territorio. A profusión idiomática fai que moitos xornalistas descoñezan a meirande parte dos idiomas, máis alá do hindi e o inglés, e, en consecuencia, unha boa parte da poboación non ten acceso á información na súa lingua materna. Agora, a utilización da telefonía móbil e da súa tecnoloxía vai permitir o desenvolvemento dun novo medio de comunicación que ofrecerá diversidade idiomática.

    18 de febreiro de 2010

    Recentemente o Colexio Dominicano de Periodistas (CDP) e o Instituto de formación Xerencia e Liderado Americano (IFGLA) iniciaron un curso para a aprendizaxe do idioma crioulo, co obxectivo de lograr un maior entendemento entre os dominicanos e os haitianos.

    Fonte: El Nuevo Diario

    18 de febreiro de 2010

    A Secretaría de Política Lingüística publicou unha nova colección de publicacións dixitais dirixidas á actualización e ao soporte técnico dos profesionais da lingua catalá e ás persoas interesadas na lingua en xeral.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    18 de febreiro de 2010

    O 33 por cento dos alumnos vascos de educación primaria e secundaria non alcanza, na súa comunicación lingüística en éuscaro, o nivel medio establecido nun estudo do Departamento de Educación, cifra que no modelo A -ensino en castelán co éuscaro como materia- se eleva ata o 85,3 por cento. O informe revela tamén que o 18 por cento dos alumnos tampouco alcanzaba o nivel medio en castelán.

    Fonte: Europa Press

    18 de febreiro de 2010

    Desde o ano 2000, cada 21 de febreiro festéxase esta data para poñer de relevo a importancia da diversidade cultural e lingüística e da educación plurilingüe. Este décimo primeiro aniversario enmárcase nas actividades do Ano Internacional de Achegamento das Culturas 2010, dixo a directora xeral da Organización das Nacións Unidas para a Ciencia, a Educación e a Cultura (Unesco), Irina Bokova, na súa mensaxe de conmemoración.

    Fonte: Prensa Latina

    18 de febreiro de 2010

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a impulsar as investigacións que se están a levar a cabo sobre o galego en diversas universidades estranxeiras e desde outros idiomas. Así llo trasladou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a Zuzanna Anczewska, unha das estudantes de lingua galega da Universidade de Varsovia, en Polonia, que se encontra estes días en Galicia recadando materiais para avanzar nun traballo de investigación sobre a lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    17 de febreiro de 2010

    O Goberno de Kerala asignoulle un acre de terra no distrito de Kasaragod á Academia do Tulu, constituída hai dous anos para promover esta lingua. O terreo está situado na vila de Kadambara.

    Fonte: The Times of India

    17 de febreiro de 2010

    Os bebés que oen regularmente dúas linguas cando están no ventre da súa nai son máis proclives a ser bilingües, segundo un estudo publicado en Psychological Science.

    Fonte: Univisión

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder