Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de xullo de 2009

    Os veciños de Bermeo e Mundaka poden prepararse para obter o permiso de conducir en éuscaro, a través dunha iniciativa posta en marcha polos concellos destas dúas localidades biscaíñas e varias autoescolas.

    Fonte: Deia

    06 de xullo de 2009

    A Comisión Europea anunciou que, a partir do curso académico 2010-2011, o programa Erasmus financiará cursos intensivos de vasco, catalán e galego para os futuros estudantes Erasmus que desexen estudar en universidades onde se utilizan estas linguas.

    Fonte: Eurolang

    06 de xullo de 2009

    A facultade de Filosofía de Santiago de Compostela acolleu o acto de apertura dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, nos que este ano participarán máis de cen estudantes procedentes de vinte e oito estados.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de xullo de 2009

    Unha comisión cidadá está a promover un manifesto a prol do idioma galego, e ao mesmo tempo quere constituírse en grupo promotor para elaborar e presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular en relación coa oficialidade da lingua galega.

    Fonte: A Nosa Terra

    03 de xullo de 2009

    A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer unha convocatoria aberta a todas as entidades que teñan interese en formar parte dunha plataforma social en defensa do galego.

    Fonte: Vieiros

    03 de xullo de 2009

    Google mellorou a súa ferramenta de tradución. A partir de agora, se se instala unha barra no navegador, o programa recoñecerá se a páxina web que se visita é do idioma que o navegante ten como preestablecido ou outro distinto. Neste caso, consultaralle se opta porque se lle ofreza unha versión traducida desta. Cun clic obterase a tradución. A aplicación é capaz de traducir 40 idiomas.

    Fonte: El País

    03 de xullo de 2009

    O goberno rexional de Loreto informou que se prepara unha ordenanza rexional para oficializar, preservar e revalorizar as linguas indíxenas desta parte da Amazonía peruana, que serían máis de corenta, doce das cales estarían en perigo de extinción.

    Fonte: Andina

    03 de xullo de 2009

    Aínda que de maneira oficial só se recoñecen 68 agrupacións lingüísticas en México, doce delas en Chiapas, investigadores detectaron o emprego doutros idiomas orixinarios. En concreto, tense rexistro do uso doutros catro, como son o acateco, o chiapaneca, o tapachulteco e o tuzanteco.

    Fonte: Expreso Chiapas

    03 de xullo de 2009

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística aprobou a convocatoria ordinaria para cubrir oito prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades españolas e estranxeiras. A Habana (Cuba), Birmingham e Oxford (ambos no Reino Unido), Cork (Irlanda), Salvador de Baía (Brasil), París (Francia), Trier (Alemaña) e País Vasco (España) son os destinos destes lectorados.

    Fonte: Xunta de Galicia

    02 de xullo de 2009

    O día 20 de xuño cumpriuse un ano da presentación pública da web do Observatorio da Lingua Galega e do seu boletín. Ao longo destes doce meses, Novas de Linguas converteuse nunha fonte informativa de referencia en materia lingüística, principalmente a raíz da posta en marcha das súas versións en español e inglés. Neste momento, xa son máis de 1000 as persoas que reciben semanalmente a actualidade sobre a realidade lingüística mundial.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder