Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de marzo de 2009

    O Goberno balear manifestou, tras coñecer que o PP presentou unha emenda á totalidade ao Plan de normalización lingüística elaborado polo Goberno de Baleares, que este foi aprobado por unanimidade e desde o "acordo de todos os grupos".

    Fonte: Europa Press

    23 de marzo de 2009

    O Laboratorio europeo de anticipación política-Europa 2020 interesouse pola evolución lingüística na Unión Europea e identificou cinco tendencias susceptibles de modificar os equilibrios lingüísticos de aquí a unha xeración. Entre elas está a revitalización do francés ou o fin do inglés como lingua hexemónica.

    Fonte: AmériQuébec

    23 de marzo de 2009

    Corea enviará un grupo de expertos para promover a lingua coreana en Paquistán, segundo afirmou o embaixador de Corea Shin Un, que participou no terceiro Concurso de Discursos Coreano na Universidade Nacional de Linguas Modernas.

    Fonte: Daily Times

    23 de marzo de 2009

    O presidente da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), Luis Cañón, advertiu de que España ten un gran déficit de intérpretes de lingua de signos, xa que, aínda que debería haber en torno a 10.000, actualmente están en activo tan só entre 700 e 800 destes profesionais.

    Fonte: EcoDiario

    23 de marzo de 2009

    O director xerente do Instituto Navarro do Éuscaro, Xabier Azanza, e a directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, firmaron un convenio de colaboración entre ambos os organismos co fin de establecer o marco de cooperación institucional para promover a lingua e a cultura vascas fóra de España, a través dos centros do Instituto Cervantes.

    Fonte: Ya.com

    23 de marzo de 2009

    O 71 % das empresas realizou algún tipo de actividade de formación lingüística nos últimos tres anos dirixida a traballadores, segundo revelan os datos do diagnóstico realizado dentro do programa Lingua Empresa que promove o Goberno de Navarra.

    Fonte: Europa Press

    23 de marzo de 2009

    A cidade de Alacant ultima a súa primeira ordenanza sobre rotulación de rúas, na que recolle que as placas de identificación das vías públicas deberán estar escritas en valenciano e castelán.

    Fonte: El País

    23 de marzo de 2009

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, convoca a vixésimo segunda edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia. Esta actividade de formación desenvolverase do 2 ao 30 de xullo deste ano na Universidade de Santiago de Compostela.

    Fonte: Xunta de Galicia

    20 de marzo de 2009

    O ensino en éuscaro non decae e mantén o seu espazo no sistema educativo navarro con preto de 1.900 preinscricións para o vindeiro curso 2009-2010, segundo datos provisionais.

    Fonte: Noticias de Navarra

    20 de marzo de 2009

    Galicia Bilingüe vixiará "atentamente" as medidas que o futuro Goberno galego porá en marcha no que a política lingüística se refire.

    Fonte: El Progreso

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder