A vicelehendakari primeira, Ibone Bengoetxea, expuxo no Parlamento vasco os retos do seu departamento en materia de política lingüística para os próximos catro anos. Entre os obxectivos destacan o fomento do uso social do éuscaro, que deberá integrarse en todas as políticas; o avance na gratuidade para a súa aprendizaxe; a oficialidade en Europa; e o incremento da súa utilización nas actividades extraescolares, no ámbito dixital e no laboral.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Parlamento de Lituania aprobou unha lei que esixirá o coñecemento de lituano nos postos do sector servizos en todo o país. As persoas traballadoras que non cumpran este requisito poderían ser multadas.
Fonte: Schengen News
No documental Eiquí hai outra léngua mirandeses de diferentes xeracións explican os retos que ten a lingua mirandesa e cales son as solucións para que esta non esmoreza.
Fonte: RTP Ensina
A vicelehendakari Ibone Bengoetxea presentou a campaña de matriculación nos euskaltegis para o curso 2024-2025, destacando as facilidades económicas dispoñibles para impulsar a aprendizaxe do éuscaro. O programa ofrece axudas para todos os niveis de formación, con especial apoio para a poboación inmigrante e a xuventude. A vicelehendakari subliñou a importancia do éuscaro como elemento de cohesión social e animou a toda a sociedade a aproveitar esta oportunidade para aprender o idioma.
O Concello da Estrada asume este ano a organización íntegra do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, destinado a recoñecer o labor xornalístico en lingua galega. Poderán concorrer persoas que publiquen en medios galegos ou en edicións en galego de medios estatais, tanto impresos como dixitais. O premio mantén unha dotación de 1000 euros e a presentación dos traballos, que poderá ser en coautoría, será telemática.
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega. Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2024 e nela prevese a realización dos exames correspondentes aos niveis Celga máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.
As escolas de ensino primario e medio de Arabia Saudita comezan a impartir clases de lingua chinesa.
Fonte: Arab News
A cidade norteirlandesa de Belfast acolleu unha protesta de colectivos a prol do gaélico irlandés para demandar que os novos sinais da estación central incorporen esta lingua.
Fonte: Belfast Telegraph
O catedrático da Universidade de Coímbra José Augusto Bernardes é o novo comisario xeral do programa das conmemoracións do V Centenario do Nacemento de Luís de Camões.
Fonte: Público
Orai NLP Teknologiak desenvolveu Llama-eus-8B, un modelo neuronal deseñado para mellorar o uso da intelixencia artificial en éuscaro que permite tarefas como a corrección gramatical, a xeración de contidos e a tradución automática. Baseado no modelo Llama3.1-8B de Meta, utiliza un corpus en éuscaro chamado ZelaiHandi, combinado con textos en inglés para transferir capacidades lingüísticas entre ambas linguas.
Boletín
Subscríbase ao boletín

